publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia logra mellorar o control sobre a ostra e o mexillón coa acreditación para a cuantificación de norovirus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) vén de conceder ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) a primeira acreditación en Galicia para a cuantificación de norovirus xenogrupo I e II en ostra e mexillón mediante a técnica de laboratorio PCR a tempo real. Deste xeito o centro logra mellorar o control microbiolóxico sobre estas especies e convértese no primeiro laboratorio acreditado en Galicia para este fin. Así o destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a visita realizada hoxe a este centro dependente da Consellería do Mar na que estivo acompañada pola súa directora, Covadonga Salgado.

Alí tamén puxo de relevo o valor do marisco e de Galicia e dos profesionais do marisqueo, o que exixe, subliñou, un compromiso de control co sector e coa cidadanía de garantía e á altura da calidade dos recursos. Ese compromiso materialízase co Intecmar, o mellor centro de control de Europa na materia, engadiu a conselleira.

A técnica de laboratorio PCR a tempo real acreditada é de alta sensibilidade, xa que consiste na extracción das partículas virais que poidan estar presentes nas mostras a analizar para posteriormente proceder á extracción, purificación e concentración do material xenético viral. A partir dese extracto procédese á amplificación dun fragmento específico dos xenes para detectar e cuantificar os norovirus, asociados con enfermidades de transmisión alimentaria.

Rosa Quintana explicou que a ENAC concede esta nova acreditación logo da auditoría que realizou no centro en xaneiro deste ano. Unha auditoría, explicou, que tamén derivou en revalidar ao centro a súa acreditación nos outros ensaios de control de moluscos, como os de contaminantes químicos, ensaios histopatolóxicos, análises de nutrientes en auga de mar, análises microbiolóxicas e ensaios de biotoxinas mariñas. Neste último eido destaca a acreditación do método químico para o control das toxinas lipofílicas no 2012, tres anos antes de que fose obrigatorio en toda Europa.

Isto reflicte, destacou a titular de Mar, que Galicia logrou adiantarse antes e volve adiantarse agora porque con esta nova acreditación culmina con case dous anos de antelación ao prazo establecido -o 30 de novembro de 2020- a adaptación á nova norma ISO/IEC relativa aos requisitos xerais para os laboratorios de ensaio e calibración.

Estes logros demostran que Galicia está á vangarda e que fai os deberes traballando e preparando o seu equipamento para avanzar no control de moluscos, sinalou Rosa Quintana. Ese compromiso do Intecmar con Galicia, subliñou a titular de Mar, correspóndese co compromiso da Xunta co Intecmar, pois este ano o centro conta co orzamento máis alto do último lustro, de 3,4 millóns de euros, uns fondos que se incrementaron case un 15% nese período. A isto súmase, sinalou, que acaba de ser autorizada a incorporación de catro profesionais máis ao Intecmar.

Accións previas

Galicia, a través do Intecmar, traballou na posta en práctica do ensaio microbiolóxico de detección e cuantificación do norovirus no marco dun estudo coordinado que acordou levar a cabo en xuño de 2015 a Comisión Europea para coñecer a prevalencia, incidencia e niveis de contaminación por norovirus en ostra na Unión Europea.

A nivel España este estudo estivo coordinado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e pola Axencia Española de Consumo e Seguridade Alimentaria, sendo o Intecmar o laboratorio designado oficialmente para a realización de todas as analíticas de norovirus das mostras recollidas en todo o Estado.

9 de agosto de 2019 | 12:54 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario