publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca o investimento de 2,4 millóns de euros para que os veciños de Vilanova de Arousa vexan reforzada a seguridade na PO-549

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que antes do vindeiro verán os veciños de Vilanova de Arousa verán reforzada a seguridade viaria e a mobilidade coa eliminación do tramo de concentración de accidentes na estrada PO-549 e a construción dunha senda nesta vía e outra na PO-307, cun investimento de 2,4 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde, Gonzalo Durán, quixo comprobar hoxe a marcha dos traballos de reforzo da seguridade viaria na PO-549, que une Vilagarcía e Cambados.

Unhas obras que, tal e como subliñou, teñen por obxecto reducir, no posible, a accidentalidade que rexistra o treito final desta estrada, entre a parroquia de Deiro e a intersección coa vía de alta capacidade Cambados-Vilagarcía, catalogado como Treito de Concentración de Accidentes (TCA).

Esta actuación forma parte da Estratexia da Xunta para, no horizonte de 2020, ter actuado en todos os TCA existentes nas estradas titularidade autonómica.

Explicou que este traballos, iniciados polo departamento que dirixe a comezos de xullo, contan cun prazo de execución de 8 meses e un investimento de 600.000 euros.

Indicou que estas obras se desenvolven ao longo de algo máis de 2 km da PO-549, logo de ter atendido a solicitude do Concello, que pediu ampliar un pouco o ámbito da actuación. As mesmas céntranse, fundamentalmente, na mellora das interseccións neste treito, para facilitar as manobras de saída ou incorporación á estrada execútanse cuñas de aceleración e desaceleración.

Tamén se construirán 2 semiglorietas, que facilitarán os cambios de sentido nas principais interseccións e os xiros á esquerda. Executarase unha nova glorieta na intersección da PO-549 con dúas estradas provinciais e reforzarase a seguridade da glorieta existente.

Ademais, dixo, se actuará sobre os pasos de peóns e as paradas de bus, para reforzar a seguridade viaria dos peóns, usuarios vulnerables das estradas, e con medidas destinadas a garantir maior visibilidade no seu contorno. E, engadiu, atendendo á petición que trasladou o alcalde, tamén se habilitará un novo treito de senda, duns 700 metros.

Ethel Vázquez salientou que esta non é a única actuación en marcha do departamento que dirixe para a mellora da seguridade viaria en Vilanova de Arousa, e informou que hoxe mesmo se inician as obras dun novo itinerario peonil e ciclista nesta mesma estrada, no marco dun proxecto que tamén recolle a continuación da senda na PO-307.

Subliñou que os traballos correspondentes a estes dous proxectos, de eliminación do TCA e da senda na PO-549, están a realizarse de xeito acompasado e, no outono iniciaranse as obras correspondentes á senda da PO-307. Estas sendas peonís e ciclistas nestas dúas estradas autonómicas suman un itinerario de 2,6 km e un investimento de 1,8 millóns de euros.

Concretou que na PO-549 comeza agora a construción dun novo itinerario desde Tarrío ata a parroquia de Deiro, que conectará coas beirarrúas xa existentes en ambos os extremos. Ademais, no entronque coa PO-307, construiranse sendas en formigón coloreado por ambas as marxes da estrada.

E sinalou que na PO-307, a senda discorrerá pola marxe esquerda, desde a confluencia coa estrada PO-549, ata chegar á ponte da Illa de Arousa, onde conecta cos outros itinerarios xa executados polo departamento de Infraestruturas da Xunta nese contorno, no marco do Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020..

A conselleira enmarcou estes investimentos da Xunta para facer as estradas máis humanas e incrementar a seguridade de todos os usuarios, no traballo a prol dunha Galicia máis familiar e tamén máis verde, actuando para reducir a accidentalidade e fomentando unha mobilidade máis sustentable, en liña coa Estratexia da Economía Circular que se está a impulsar tamén desde o Goberno galego.

5 de agosto de 2019 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.