publicidade hoxe

Educación convoca as axudas ás escolas de música dependentes de institucións sen ánimo de lucro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas dirixidas a escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, ás que se destina un orzamento de 165.000 euros. Este ano a convocatoria céntrase nas asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais, mentres que os Concellos que xestionen este tipo de escolas poderán solicitar apoio a través do fondo de cooperación local.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado anexo I (ED314D), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O obxectivo destas axudas é potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música non regradas e prestar apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas por parte das entidades sen ánimo de lucro que teñen entre os seus fins a formación musical. Cómpre sinalar que as escolas de música dedícanse á formación de afeccionados e á preparación das probas de acceso aos estudos conducentes á titulación daquelas persoas que teñan vocación e aptitudes para a música.

Estas escolas, que contan cunha crecente demanda, abarcan, como oferta básica, os ámbitos de ensino de música e movemento, práctica instrumental, formación musical complementaria á práctica instrumental, e actividades de conxunto.

5 de agosto de 2019 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.