publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Duascentas alumnas e alumnos gozarán en agosto e setembro da STEMweek

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar as listaxes definitivas de seleccionados para participar na STEMweek, da que este ano gozarán un total de 200 alumnas e alumnos. A resolución pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia. As familias, para as que esta actividade ten carácter gratuíto, deberán remitir á Consellería o anexo de aceptación ou renuncia antes do vindeiro luns día 12 de agosto.

A actividade, que ten como obxectivo a mellora das competencias en lingua inglesa e competencia científico-tecnolóxica ou STEM, dividirase en dúas quendas. A primeira delas, dirixida a alumnado de 3º de ESO, desenvolverase entre o 25 e o 31 de agosto. A segunda, para o de 4º de ESO, será entre o 1 e o 7 de setembro. En ambos os casos a STEMweek realizarase nas instalacións do Centro Residencial docente da Coruña. Durante toda a estadía o alumnado estará supervisado por monitores e monitoras.

Ao longo da STEMweek as alumnas e alumnos desenvolverán actividades coa finalidade de desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o interese do alumnado pola ciencia e polas súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía. Deste xeito a actividade pretende crear unha canteira científica, especialmente mulleres, entre o alumnado de 15 e 16 anos e afondar no seu dominio da competencia comunicativa en inglés.

Esta convocatoria forma parte da Estratexia Galega de Educación Dixital (Edudixital 2020) e, en concreto, da liña destinada a fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) no ensino preuniversitario, co fin de tentar de espertar o interese dos máis novos, e especialmente das rapazas, polos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico de cara á elección de estudos superiores.

Por outra banda, ao desenvolverse de forma íntegra en inglés, a STEMweek é unha das accións contempladas tamén na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras (Edulingüe 2020).

9 de agosto de 2019 | 12:40 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario