publicidade hoxe

Convócanse axudas para a mellora das escolas infantís de 0 a 3 anos xestionadas por entidades de iniciativa social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia abre desde mañá e ata o 6 de setembro o prazo de presentación de solicitudes para a concesión de axudas para investimentos na mellora de infraestruturas e equipamentos das escolas infantís para nenos e nenas de 0 a 3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión destas axudas que conta cun crédito total de 400.000 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ao abeiro desta convocatoria e baixo o réxime de concorrencia competitiva serán subvencionables tanto as obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas, como obras novas que non precisen de proxecto técnico e melloren a accesibilidade ou doten ao edificio de servizos necesarios.

Así mesmo, entran dentro desta orde de axudas a adquisición e mellora do equipamento do centro a compra de mobiliario interior e exterior, así como de material didáctico e de xogo. Como novidade, a compra deste material deberá realizarse aplicando a perspectiva de xénero para promover entre as nenas e nenos a construción da personalidade libre de estereotipos.

Ademais, a convocatoria tamén subvenciona a dotación de conexión a internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Financiarase ata o 100% do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula. Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 25.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente a solicitude.

6 de agosto de 2019 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.