publicidade hoxe

A Xunta outorgou axudas económicas a 398 vítimas de violencia de xénero no primeiro semestre de 2019

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa o balance dos datos das axudas, servizos e recursos que o Goberno galego puxo a disposición das vítimas de violencia de xénero durante o primeiro semestre de 2019.

Na primeira metade de ano houbo que lamentar o asasinato por violencia machista dunha muller no concello de Valga. Ademais, o mes pasado tamén foi asasinada en Vilalba outra muller por parte da súa exparella.

Na primeira metade do ano, a Xunta concedeu axudas económicas a 398 mulleres vítimas de violencia de xénero -isto é, 105 máis que no primeiro semestre de 2018-, a través das distintas liñas que ten habilitadas: axudas anuais con pagamentos mensuais; axudas anuais de pagamento único; e expedientes de concesión de indemnizacións. En concreto, 318 recibiron axudas periódicas (15 eran vítimas de trata), 77 axudas de pagamento único, e 1 indemnización.

Cómpre lembrar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en dispoñer dunha axuda económica periódica e a única que a ten operativa de maneira ininterrompida ao longo de todo o ano, incluíndo ademais como beneficiarias dela ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual. En 2019 incorporáronse tamén como beneficiarias ás mulleres vítimas da violencia vicaria -cando a exparella asasina ao fillo-, pero non se rexistraron casos no que vai de ano en Galicia.

Ademais, en 2019 instaurouse por primeira vez unha liña de axudas económicas para menores de 30 anos, orfos por causa da violencia de xénero e outra para mulleres gravemente feridas que requiran de hospitalización. Houbo un beneficiario en cada unha das liñas. En ambos casos, a indemnización ascende a 7.000 euros, ademais de prestarlles o apoio psicolóxico e social que precisen. De feito, Galicia foi pioneira na posta en marcha dun programa de acompañamento de menores orfos.

A maiores das axudas económicas, a Xunta tamén pon a disposición das vítimas outros recursos, como o programa de atención psicolóxica que desenvolve en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que está dirixido a mulleres vítimas da violencia de xénero, así como aos menores ou persoas dependentes ao seu cargo. Grazas a esta iniciativa, prestouse atención a 656 persoas durante o primeiro semestre (mulleres, menores e persoas dependentes), 140 máis que no mesmo período do ano anterior.

Existe tamén outro recurso en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía, neste caso orientado a homes con problemas de control de violencia no ámbito da parella e da familia: o programa ‘Abramos o círculo’. Ao abeiro desta iniciativa, téñense beneficiado un total de 78 homes durante estes seis primeiros meses, 16 máis que nos primeiros seis meses de 2018.

Estadías de tempo libre e acollemento

Outra iniciativa tamén importante para a calidade de vida destas mulleres é o programa de estadías de tempo libre, que lles permite contar cun espazo e un tempo de ocio, fóra da súa situación habitual. O programa desenvolveuse durante unha semana no mes de xuño nunha localidade costeira de España, e nel participaron 37 mulleres e 53 menores (fillos e fillas). Estiveron acompañados por un equipo de profesionais especializados en tempo libre e igualdade.

No ámbito de recursos dispoñibles para axudar ás vítimas a saír da súa situación, López Abella puxo en valor o programa de inserción laboral. Entre setembro de 2018 e xuño de 2019 participaron no programa 312 mulleres, conseguindo mellorar todas elas a súa empregabilidade e acadando a inserción laboral dun total de 98.

Ademais das axudas económicas, o apoio psicolóxico ou o impulso da inserción laboral, Galicia conta tamén cunha Rede de acollemento composta por 5 centros de acollida (A Coruña, Ferrol, Ourense, Lugo e Culleredo) e o Centro de Emerxencia de Vigo. Durante estes seis meses, acolleron temporalmente a 164 persoas, a mesma cifra que no ano anterior. Pola súa banda, o Centro de Recuperación Integral de Santiago de Compostela atendeu a 8 persoas na primeira metade do ano. Este Centro, aberto a mediados de 2014, actúa como coordinador para o acceso a Rede galega de acollemento.

Este ano ademais púxose en marcha por primeira vez en Burela unha vivenda de acollida específica e especializada destinada a mulleres vítimas da violencia de xénero que padecen algunha enfermidade mental.

Xa para rematar o percorrido polos principais recursos ofertados polo Goberno galego, López Abella indicou que o teléfono de información ás mulleres (900400273), conveniado co 016, recibiu no primeiro semestre máis de 1.300 chamadas, o que supón un descenso de ao redor de 300 consultas con respecto ao ano anterior. A maioría delas solicitaron atención psicolóxica (59%). Os seguintes temas de consulta, pero xa con moita diferenza, foron: orientación sobre recursos (19%) ou información na área xurídica (10,%).

Ademais, recibíronse un total de 31 consultas a través do servizo de asesoramento xurídico en liña.

A Xunta tamén conta cun servizo de teletradución, para facilitar que todas as mulleres poidan acceder a axuda e aos recursos que teñen á súa disposición. Este servizo, que está dispoñible en 51 idiomas distintos en 61 Centros de Información á Muller (CIM), no Centro de Recuperación Integral da Muller, en 11 ONGs e en todos os centros de acollida, usouse no primeiro semestre durante un total de 533 minutos, fronte aos 321 minutos do pasado ano. A maioría das peticións foron para árabe, seguido de romanés, sirio, inglés e urdu.

A Administración autonómica tamén vén poñendo en marcha nos últimos anos recursos para as vítimas de violencia sexual, que en Galicia é considerada desde 2007 unha manifestación máis da violencia de xénero. O ano pasado habilitouse por vez primeira un programa específico para apoio a estas vítimas, que se iniciou de xeito piloto na provincia da Coruña e que este ano se estendeu ás catro provincias. A iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Fundación Meniños, atendeu a 28 mulleres no primeiro semestre.

Por último, a secretaria xeral fixo mención aos programas novidosos que comezaron este ano, como o Programa integral de apoio a menores orfos; a quenda social de garda e a psicolóxica; o programa de fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, que permitirá contratar de xeito inmediato a 40 mulleres; ou o bono alugueiro social para facilitarlles un acceso á vivenda.

Denuncias e medidas de protección

Na comparecencia de prensa, a secretaria xeral da Igualdade informou tamén do número de denuncias presentadas durante o primeiro trimestre de 2018, de acordo cos últimos datos facilitados polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Durante eses tres meses, presentáronse 1.736 denuncias, a gran maioría delas na provincia da Coruña e Pontevedra. No mesmo período do ano pasado, o número de denuncias foi de 1.254.

Na primeira metade do ano os xulgados comunicaron un total de 764 medidas de protección. Ademais, un total de 578 mulleres contaron con protección móbil e 45 agresores tiveron un sistema telemático para cumprir a orde de afastamento.

Para rematar, López Abella recordou que desde 2013 o Goberno galego conta cun protocolo para o exercicio da acción popular por parte da Xunta nos procedementos penais en casos de morte por causa de violencia de xénero. Desde entón, son 16 os procedementos nos que se personou.

9 de agosto de 2019 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.