publicidade hoxe

A Xunta mellora a dimensión internacional, turística e territorial do viño galego cun investimento de 750.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal Portada
A-
A+

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, xunto co presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a elaboración da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia.

No acto, que tivo lugar no Parador de Cambados, formalizouse unha cooperación que permitirá mobilizar un total de 748.000 euros a prol do sector vitivinícola galego e dos territorios das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei) e das catro indicacións xeográficas protexidas (Val do Miño, Betanzos, Barbanza e Iria, Ribeira do Morrazo).

Nesta liña, para levar a cabo as accións previstas na Estratexia, ao convenio asinado hoxe, que conta cun orzamento superior aos 388.000 euros, engadiranse outros 360.000 euros do Plan de internacionalización para o viño e os licores de Galicia que impulsa o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Así, o obxectivo deste acordo é lograr un desenvolvemento territorial integrado, coordinado e consensuado que conte coa participación de todos os axentes clave do territorio. Ao tempo, a estratexia persigue mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización en conxunto de produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola. En relación con estes últimos, trátase sobre todo de desenvolver produtos turísticos dirixidos a segmentos xeradores de valor engadido nos espazos rurais, que á súa vez redunde nun fortalecemento das economías locais.

Desta maneira, a estratexia servirá para fixar os obxectivos e as accións a desenvolver nos territorios do ámbito das denominacións de orixe e das indicacións xeográficas protexidas nun sentido amplo, co fin de mellorar a coordinación público-privada para acadar ese desenvolvemento territorial. Deste xeito, atenderanse as particularidades específicas de cada denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, tanto no eido produtivo, industrial, de comercialización e mesmo territorial, reforzando a súa relación co sector turístico e o aproveitamento dos recursos do seu patrimonio cultural e paisaxístico.

Neste acto, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, destacou o innegable peso do sector vitivinícola na economía galega grazas ás cinco denominacións de orixe e catro indicacións xeográficas protexidas que abranguen máis de 450 adegas, máis de 13.000 viticultores e que xera un valor anual de 200 millóns de euros. Salientou a necesidade de ampliar a base exportadora deste sector -que xa vende no exterior 1 de cada 5 botellas que produce- consolidando o negocio internacional, facilitando a empresas non exportadoras o inicio de actividades no exterior e mellorando a formación no eido do comercio internacional. Ademais subliñou a oportunidade que supón este convenio non só para mellorar a competitividade dos viños galegos, senón para facer extensible o seu crecemento a outros sectores e lograr un maior impacto económico nestas comarcas.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou a importancia deste plan que supón a creación de novos produtos turísticos que contribúen a descentralizar o turismo e ao desenvolvemento do rural. Así mesmo, lembrou que o convenio asinado hoxe se complementa coa estratexia Galicia Sabe, unha folla de ruta transversal no que se recollen as principais liñas de actuación e as prioridades para promover un turismo enogastronómico sustentable e baseado nos produtos autóctonos e de tempada, no valor das persoas e na paisaxe.

Finalmente, o conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor este convenio de colaboración que –dixo– supón seguir avanzando “con feitos” a prol do rural galego. Ademais, destacou que se trata dunha iniciativa integral, común e coordinada con todos os axentes do sector vitivinícola. Engadiu que o do viño é “o noso eido agrario máis exportador, un dos máis dinámicos e identifícase con creación de riqueza e emprego para o rural”. Por iso precisamente, remarcou, “queremos darlle un pulo sen precedentes” a través desta estratexia. Trátase, dixo, de reforzar as sinerxías con outros sectores, coma o turístico, o vinculado ao patrimonio cultural e o relacionado coa paisaxe, para desenvolver o eido vitivinícola dun xeito integral.

9 de agosto de 2019 | 14:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.