publicidade hoxe

A Xunta destinou uns 760.000 euros dende 2010 á recuperación, conservación e fomento da raza autóctona porco celta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta investiu dende o ano 2010 arredor de 760.000 euros para financiar o programa de recuperación, conservación e fomento da raza autóctona gandeira porco celta e ten previsto manter un esforzo orzamentario semellante e proporcional para o vindeiro período 2020-2023. Estes fondos serviron para financiar os diferentes convenios asinados para esta finalidade coa asociación de criadores Asoporcel, segundo destacou hoxe o conselleiro José González na súa visita a unha explotación de porco celta na localidade luguesa de Friol.

Neste acto, o titular de Medio Rural salientou que o sector porcino ten unha gran importancia e dimensión na nosa comunidade, xa que abrangue arredor de 1.150 explotacións industriais (sen contar as de autoconsumo), cun censo total de 1.200.000 animais. Neste contexto, José González puxo en valor a existencia dunha raza autóctona propia, como é o porco celta, que –dixo o conselleiro– destaca pola súa calidade e polo feito diferencial que representa dentro da cabana gandeira galega.

Tendo en conta esta relevancia do porco celta, a Xunta colabora con Asoporcel na preservación do seu patrimonio xenético e, de modo xeral, no seu mantemento en pureza dentro de condicións naturais axeitadas. Nesta liña, o conselleiro cualificou como “explotación singular” a visitada hoxe en Friol, xa que incorpora unhas novidosas instalacións modulares, transportables e de funcionamento autónomo, que favorecen o aproveitamento silvo-pastoril do monte en réxime semi-extensivo e contribúen a poñer en valor esta raza.

Maior rendibilidade

Ademais, José González sinalou que este tipo de explotacións teñen diferentes vantaxes. Entre elas, destacou o feito de seren máis viables economicamente e de contribuír, polo tanto, a obter unha maior rendibilidade coa actividade gandeira ou o de favorecer un aproveitamento óptimo da matogueira para a alimentación do gando, de forma que se consegue unha prevención efectiva fronte os incendios forestais. Así, no caso concreto do porco celta, está demostrada a capacidade desta raza como “rozadoira natural” no monte.

Por todo o dito, o conselleiro remarcou que este tipo de actuacións encaixan plenamente coa filosofía e cos principais obxectivos que persegue a Xunta para o rural galego, como son a mellora da rendibilidade das nosas explotacións, a aposta pola calidade das producións agrogandeiras e a prevención e defensa dos lumes.

13 de agosto de 2019 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.