publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A proposta de Díaz y Díaz Arquitectos e MIBA Arquitects gaña o concurso de ideas para a reforma interior do complexo administrativo de San Caetano

Alfonso Rueda na rolda de prensa para comunicar o fallo

Alfonso Rueda na rolda de prensa para comunicar o fallo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a proposta presentada por Díaz y Díaz Arquitectos S.L.P. e MIBA Arquitects resultou gañadora do concurso de ideas convocado conxuntamente entre a Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para decidir quen acometerá a reforma interior do complexo administrativo de San Caetano.

A primeira hora desta mañá procedeuse á apertura de sobres para coñecer quen era o estudo que estaba detrás do proxecto elixido. Os criterios que seguiu o xurado para escoller o gañador foron que a proposta primara a funcionalidade e accesibilidade; o aproveitamento da luz natural; a flexibilidade; os espazos abertos; e a procura dunha maior eficiencia. Tamén se tivo en conta que o proxecto permitise un desenvolvemento por fases para poder compatibilizar a obras coa actividade administrativa.

O segundo premio recaeu en Cristina Ansede Viz, e o terceiro en Besada y Failde BMJ Arquitectos S.C.P. O primeiro accésit foi para a UTE de Oikos S.L.P., Jorge Salgado e Celso López; o segundo para Aybar Mateos S.L.P.; e o terceiro para Flu_or S.C.

Ao concurso presentáronse un total de 24 ofertas, das cales oito foron excluídas por non cumprir os requisitos. Os gañadores recibirán un premio de 70.000 euros; e os segundos, terceiros e accésits repartiranse unha contía de 100.000 euros.

Os gañadores, ademais do premio -e unha vez comprobado que a documentación administrativa requirida no prego é correcta- encargaranse de redactar o proxecto definitivo e a dirección das obras, polo que en total os seus honorarios ascenderán a 860.000 euros

A previsión é que a primeira fase das obras se licite a finais deste ano ou principios do seguinte.

Reforma integral de San Caetano

A reforma interior do Complexo Administrativo de San Caetano terá un orzamento máximo de 29 millóns de euros. Entre os obxectivos principais desta reforma está a mellora das condicións de traballo do persoal funcionario e da calidade da atención á cidadanía.

Compleméntanse así as reformas que se viñeron acometendo neste complexo administrativo nos últimos anos, como a instalación en 2016 dun sistema de calefacción central en todo o complexo, alimentado con biomasa; e ás reformas do último ano, que se centraron na mellora enerxética do edificio coa instalación de novas cubertas e fiestras e á dotación de iluminación LED.

6 de agosto de 2019 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.