publicidade hoxe

Quintana salienta o papel de eventos como o Vigo Seafest para darlle ao mar e á pesca o protagonismo que merecen

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe a relevancia que teñen eventos como o Vigo Seafest-Festival ARVI do Peixe para darlle ao mar e á pesca o protagonismo que merecen pois trátase dun sector do que en Galicia viven máis de 40.000 persoas. Ademais, 64 das 81 ramas de actividade económica da comunidade están vencelladas ao ámbito marítimo-pesqueiro.

Por iso, a titular de Mar agradeceu durante o acto de apertura do festival, organizado pola Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) e que se celebra desde onte e ata o próximo domingo, a súa contribución a difundir os valores e a calidade dos produtos dun sector “sen o que Galicia non tería sentido”. Esa promoción pasa por actividades deportivas, gastronómicas, musicais e formativas que mostran a transcendencia desta industria máis aló de pescar dando a coñecer o valor culinario e nutritivo dos produtos do mar.

Rosa Quintana, que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, rememorou o momento no que lle foi presentado o proxecto do Vigo Seafest e asegurou que non tivo dúbidas de que a Xunta tiña que apoialo por tratarse de dar un impulso ao mar, á frota e aos valores ambientais e culturais do mar de Vigo. No marco dese respaldo, que vai xa polo terceiro ano, o Executivo galego contribuíu á celebración do festival desde o seu nacemento con arredor de 400.000 euros, un investimento que se suma aos máis de 50 millóns de euros que a Consellería do Mar destinou a Vigo desde 2009.

Este esforzo, detallou a titular de Mar, materializouse en medidas para diversificar e complementar a economía marítima, a aumentar o valor da pesca e a promover o relevo xeracional e o emprego de calidade. “Debiamos dicir si e queriamos dicir si ao Vigo Seafest porque é dicir si a que esta cidade siga vencellada ao mar. Queremos que as cifras de 120.000 visitantes de 2018 se queden curtas e que os asistentes marchen coa idea de que o mar segue a ser un elemento central na economía e na sociedade viguesa e galega”, explicou a conselleira do Mar.

A representante da Xunta incidiu ademais en que o éxito do Vigo Seafest forma parte do relanzamento da economía azul de Vigo, un proxecto auspiciado polo porto de Vigo que é un exemplo europeo e mundial do traballo en favor do eido marítimo-pesqueiro. Precisamente, nesta edición o festival faise internacional ao estenderse a súa promoción ao norte de Portugal. “Estou segura de que en poucas edicións alcanzará os ámbitos aos que chegou a pesca viguesa, a todos os mares do mundo”, concluíu Rosa Quintana.

O Vigo Seafest

O Festival ARVI do Peixe naceu en 2017 para promocionar os produtos pesqueiros capturados polas tres frotas principais asociadas a ARVI -o arrastre, o cerco e o palangre- e reafirmar a Vigo como capital europea da pesca. Ao mesmo tempo, busca converterse nunha cita de referencia en España para a gastronomía do mar e un evento central no calendario festivo de verán de Vigo. Para elo, conxuga o protagonismo do sector marítimo-pesqueiro co ocio, a diversión e a gastronomía.

5 de xullo de 2019 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.