publicidade hoxe

‘Os Bolechas somos unha gran familia’ chega a Cerceda, A Laracha, Muros e Boqueixón durante a fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaBoqueixónCercedaLocal PortadaMurosPortada dereita
A-
A+

O Falaredes, o programa de dinamización que impulsa a Xunta de Galicia, chega esta fin de semana a catro localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Os protagonistas das cinco citas serán Os Bolechas e a súa última proposta: Somos unha gran familia. As dúas primeiras funcións terán lugar este sábado día 6 de xullo en Cerceda (no Auditorio Municipal, ás 12,00 horas) e na Laracha (no Centro Sociocultural de Paiosaco, ás 19,30 horas). Ao día seguinte, domingo, os célebres personaxes de Pepe Carreiro, estarán en Muros (tamén no auditorio municipal, ás 11,30 horas) e en Boqueixón (na Casa da Cultura, ás 18,00 horas).

Os Bolechas somos unha gran familia é unha actividade participativa protagonizada polos irmáns animados máis famosos de Galicia, dirixida a cativos de tres a nove anos e ás súas familias. A través do teatro e do xogo, a rapazada coñecerá o léxico referido ás relacións de parentesco e descubrirán a importancia da familia. A proposta ten un compoñente didáctico no que se bota man do tema principal, a familia, para desenvolver diversas cuestións, unhas máis teóricas, como coñecer os parentescos, e outras máis prácticas, relacionadas con xogos populares e de habilidade. De xeito transversal, como é habitual, tocaranse temas como o traballo en equipo, a colaboración, o fomento de prácticas saudables e, por suposto, habilidades lingüísticas en galego, de forma que o idioma sexa o eixo a través do que se configura todo o universo de diversión que levan aparelladas as iniciativas dos Bolechas.

Lingua e transmisión familiar

Os irmáns Bolechas, referentes galegofalantes para os nenos de Galicia, están a percorrer da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes 21 concellos galegos. Ata o domingo 28 de xullo a actividade pódese gozar nos municipios de Tui, Mondariz-Balneario, Triacastela, Rois, Pontecesures, Ramirás, Mos, Barreiros, Nogueira de Ramuín e Oímbra, todos eles adscritos á RDL. A dinamización lingüística prolongarase tras a fin do espectáculo mediante un sitio web interactivo onde o público poderá acceder a xogos e unidades didácticas, así como a un sorteo de libros dos Bolechas. Como é norma no programa que impulsa a Consellería de Cultura e Turismo, a entrada ás funcións é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos elixidos.

Toda a información e calendario de funcións no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

5 de xullo de 2019 | 11:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.