publicidade hoxe

O novo Plan Galego de Hospitalización a Domicilio permitirá estender este servizo ao 100% dos galegos os 365 días ao ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaOza/CesurasPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na visita á unidade HADO do Hospital Marítimo de Oza

O presidente galego na visita á unidade HADO do Hospital Marítimo de Oza

O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o novo Plan Galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023, que se aprobará esta semana no Consello da Xunta, permitirá estender este servizo ao 100% dos galegos os 365 días do ano. “Estamos a falar dun plan estratéxico completo para o 100% do territorio e que marcará un antes e un despois”, dixo, incidindo en que ata o de agora este servizo funciona só de luns a venres, alcanzando o 75% do territorio.

Se ben non é fácil trazar o perfil do doente que ten acceso a este servizo, Feijóo precisou que entre os casos están o seguimento de persoas transplantadas ou con patoloxía cirúrxica, pacientes crónicos ou persoas que reciben coidados paliativos, entre outros. Así, actualmente benefícianse desta atención máis de 5.000 pacientes ao ano grazas ás 15 unidades e 45 equipos repartidos por todas as áreas sanitarias galegas.

Durante unha visita esta mañá a unidade de Hospitalización a Domicilio do Hospital Marítimo de Oza, Feijóo destacou o labor dos profesionais de HADO e aseverou que o Goberno galego seguirá comprometido e traballando para a Sanidade da vindeira década: con 2.300 profesionais máis que hai 10 anos, con récords en intervencións, consultas e transplantes e tamén coas menores esperas desde que hai rexistros.

Así mesmo, lembrou a aposta polas infraestruturas sanitarias: poñendo a disposición dos lucenses o Hospital Lucus Augusti, construíndo un novo hospital en Vigo, facendo un edificio completo de hospitalización en Ourense, remodelando o Hospital do Salnés e o Hospital da Mariña, ou adxudicando a remodelación do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Así mesmo, asegurou que antes de que remate o ano tamén se adxudicará a remodelación completa do Hospital de Montecelo en Pontevedra, “e seguiremos traballando nos hospitais comarcais de O Barco, Verín, Barbanza e Cee, ademais de traballar nun novo Hospital Universitario en A Coruña”.

Nesta mesma liña, destacou a mellora da Atención Primaria, cun plan que contou coas achegas de profesionais e pacientes e que, dotado con 100 millóns de euros, ten como obxectivo aumentar o persoal, renovar equipos e tecnoloxía e unha mellor coordinación; e o impulso da estabilidade para os profesionais, a través das ofertas públicas de emprego.

8 de xullo de 2019 | 14:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.