publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O goberno galego investirá uns 600.000 euros nun proxecto de cooperación para mellorar a acuicultura artesanal en Perú

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorLocal PortadaPortada esquerdaVigo
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe tres convenios de colaboración con Anfaco-Cecopesca, Axuda en acción e a Fundación CETMAR para desenvolver un ambicioso proxecto de cooperación en Perú que estará dotado con preto de 600.000 euros para os próximos tres anos.

A iniciativa ten como obxectivo apoiar a acuicultura artesanal das comunidades costeiras da baía de Sechura, en Perú, e, deste xeito, contribuír ao desenvolvemento económico e social da zona.

Cada organismo participante ocuparase da súa área de especialización, onde poden aportar máis experiencia e valor engadido. Así, o CETMAR liderará a liña de fortalecemento institucional e de coordinación entre todas as organizacións. Pola súa banda, Axuda en Acción colaborará no fortalecemento da capacidade de organización e cultura empresarial das Organizacións Sectoriais de Pescadores Artesanais (OSPAS), así como na sensibilización ambiental. Por último, Anfaco-Cecopesca encargarase da transferencia tecnolóxica para a mellora e a diversificación produtiva.

Os tres axentes contarán con socios locais para desenvolver de maneira coordinada e conxunta as distintas actuacións.

Esta iniciativa inscríbense no marco do Memorando de Entendemento asinado entre o Ministerio da Produción da República do Perú e a Xunta de Galicia para a posta en marcha de proxectos e iniciativas de cooperación técnica, científica e tecnolóxica destinados á mellora da xestión, produción e comercialización dos produtos pesqueiros e acuícolas que permitan incrementar o desenvolvemento das poboacións costeiras.

Perú é un país prioritario para a Cooperación Galega, tal e como se recolle nos distintos plans de cooperación que se foron elaborando nos últimos anos. Na última década, o país andino recibiu case 5 millóns de euros por parte da cooperación galega.

29 de xullo de 2019 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.