publicidade hoxe

O DOG publica a toma de posesión da zona de concentración parcelaria de San Pedro de Maus, en Vilar de Barrio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada dereitaVilar de Barrio
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se anuncia a toma de posesión provisional dos novos predios na zona de concentración parcelaria de San Pedro de Maus, no concello ourensán de Vilar de Barrio. Este é o último paso antes de chegar á firmeza do acordo, momento no que se considera pechada administrativamente a reestruturación parcelaria.

Así, os propietarios poderán facer uso das novas parcelas resultantes deste proceso de reorganización do territorio a partir do día 15 de xullo. No caso de que existan colleitas pendentes de recoller nas parcelas antigas de labradío ou arborado que se pretenda retirar en parcelas que non estean clasificadas como monte alto, poderán ser retiradas antes do 1 de decembro de 2019. Para o caso de que se pretenda retirar arborado, deberá contarse co preceptivo permiso do Servizo de Montes.

O prazo para presentar alegacións a esta nova distribución comezará no prazo de dous meses, contados a partir do seguinte á data establecida para a posta a disposición dos predios. Esta reclamación farase á Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.

A zona de concentración parcelaria de San Pedro de Maus reestrutura unha superficie de 273 hectáreas, divididas en 4.766 parcelas de 376 propietarios. Tras o proceso de reorganización, o número de predios reduciuse a 939. Dentro desta parcelaria destacan os aproveitamentos forestais e agrícolas, onde cobra certa relevancia o cultivo de cereal, pataca, pasteiros e outros cultivos.

3 de xullo de 2019 | 11:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.