publicidade hoxe

O CPEIG e a Amtega organizan este verán 40 xornadas de difusión tecnolóxica para a mocidade galega en aulas CeMIT das catro provincias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan nestes meses de verán –xullo, agosto e setembro– unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons, creación de App e videoxogos e animación 3D enmarcadas no programa “TechKids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Esta iniciativa enmárcase no Plan DigiTalent, da Amtega para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.

Serán un total de 40 xornadas nas Aulas CeMIT en diversos concellos das catro provincias galegas (en Tomiño hoxe luns-15 de 9:30 a 13:30 horas e mañá martes-16 en Burela de 10 a 14 horas), ademais de en Brión, Ames, Fonsagrada, Xunqueira de Ambía, Carballedo, Oroso, Fisterra, Pontevedra, Serreaus, Beariz, Bande, Ribadeo, Cuntis, Valga, Leiro, Boiro, O Barco de Valdeorras, Pontedeume, Betanzos, Barreiros, Santa Comba, Ortigueira, Guitiriz, Padrón, Arzúa, Moaña, Abegondo, San Sadurniño, O Porriño, Celanova, A Coruña e Cerdeda. Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.

Programación e Robótica

Nestas xornadas de verán impartirase un taller de “Robótica para tod@”, mesturando algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido. A bondade máis importante da robótica é a de separar ao alumno da pantalla e facer que interactúe co mundo real a través dos sensores e dos actuadores dun robot.

Usarán o MBOT, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para facer que a programación sexa unha actividade divertida, xa que presenta o resultados dun xeito diferente. A actividade consistirá en superar mini retos. A resolución de cada reto instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot.

Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica programarase a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, onde os alumnos competirán para ver que fai ir máis rápido ao robot. Aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais. Tamén se xogará con MBot radiocontrol, e facendo uso do makey makey os rapaces construirán un mando a distancia que controlará o MBot coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación wireless. Finalmente terase o MBot Labirinto, onde os participantes construirán un pequeno labirinto e tentarán que o MBot o percorra ata atopar a saída. Aprenderán algoritmos e bucles.

Circuítos de habilidades na pilotaxe de drons

O segundo dos talleres será sobre drons, onde os rapaces aprenderán conceptos básicos de teoremas de pitágoras e trigonometría, ademais de adquirir habilidades cognitivas visuais. Os nenos e nenas de 9 a 16 anos aprenderán a integrar a programación co mundo dos drons. A actividade constará de dous retos. No primeiro deles, os rapaces e rapazas iniciaranse no mundo dos drons creando un circuíto onde adestrarán as súas habilidades na pilotaxe destas aeronaves.

Comezarán coñecendo que é un dron, porque voa, que partes ten, e despois pilotaranos. Unha vez iniciados na pilotaxe, probarán unhas gafas FPV para sentir a velocidade vendo o que ve un coche teledirixido con cámara incluída. Para os máis habilidosos que cheguen a dominar dron e coche, probarán a pilotaxe FPV nun dron.

Na segunda parte da actividade, programarán un dron, é dicir, desde un ordenador e por medio dunha programación por bloques, converterán o dron nunha aeronave non tripulada e autónoma. Por medio da programación en Scratch, empregando un dron especial chamado “Tello”, executarán un programa feito polo CPEIG.

Aprender a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles

Os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos poderán asistir a un obradoiro sobre como crear unha App, onde aprenderán a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles. Empregarase a App Inventor, un contorno de desenvolvemento de software creado por Google Labs para elaborar aplicacións para Android. O usuario, dun xeito visual e a partires dun conxunto de ferramentas, irá enlazando unha serie de bloques para crear a aplicación. Google App Inventor destaca por dous grandes factores: a simplicidade de uso e Google Play, factores que permitirán crear un gran número de apps e a maiores poder distribuílas gratuitamente.

A actividade iniciará ás nenas e nenos na programación no sistema operativo Android. Unha vez rematada a sesión, os alumnos terán creada a súa conta e os seus proxectos de app, gardados na nube. Ademais de iniciarse na programación e facilitar eses primeiros pasos, os alumnos poderán seguir na súa casa mellorando a súa App e publicala cando o consideren.

Na primeira parte da actividade, os nenos crearán unha app onde se comunique vía Whatsapp a súa situación mediante xeolocalización wifi ou gps. Na segunda parte, cada quen poderá deseñar e comezar a programar unha app que solucione unha inquedanza propia. Recoméndase que os nenos leven un móbil ou tablet con sistema operativo Android para poder ver en funcionamento nun dispositivo a súa creación.

O futuro profesional no mundo dos videoxogos e animación 3D

Finalmente, nesta edición do programa organizaranse talleres sobre creación de personaxes de videoxogos e animación 3D, en colaboración co congreso internacional “Mundos Digitales”. Os nenos a partir de 14 anos poderán adestrarse no mundo da animación, efectos visuais, videoxogos ou realidade virtual.

Explicaranse tamén cales son os perfís profesionais que se demandan en cada un destes sectores e a formación e estudos que se deben ter para poder traballar en empresas deste sector. Ademais, relatarase dunha maneira visual e didáctica as experiencias doutros profesionais, algún deles galegos, que pensaban que desde Galicia non era posible traballar nestes sectores e que se converteron a día de hoxe en profesionais recoñecidos destas industrias.

Con esta experiencia, búscase que os rapaces vexan os gráficos 3D desde un punto de vista máis amplo, que lles permita converter a súa creatividade, conxuntamente co coñecemento da técnica e a tecnoloxía, na súa profesión, con gran futuro e gran demanda de profesionais especializados.

15 de xullo de 2019 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.