publicidade hoxe

Nava Castro destaca a aposta da Xunta por reforzar a promoción nacional e internacional do termalismo galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO CarballiñoPortada dereita
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, referiuse hoxe ao traballo da Xunta para reforzar a promoción nacional e internacional do termalismo para conseguir, dixo, diversificar a oferta galega neste tipo de turismo abríndose a novos mercados e perfís de viaxeiros, incluíndo, entre outros, aos deportistas ou os estudantes.

Así o manifestou durante a súa participación no curso de extensión universitaria da Universidade de Vigo Termalismo: espazos termais, no que contou cun relatorio no que puido afondar na aposta galega por poñer en valor os recursos termais e a promoción deste tipo de turismo. Neste sentido, recordou a decisiva aposta da Administración autonómica por impulsar o turismo termal e de saúde, porque, como afirmou, é un dos baluartes de Galicia que está a actuar como importante dinamizador das economías locais.

Durante a súa participación no curso, Nava Castro recordou o gran potencial das augas termais da nosa Comunidade, pola súa abundancia, calidade e singularidade. E tamén polo seu potencial desestacionalizador e a súa especialización. Referíndose ao traballo realizado pola Xunta puxo como exemplo a posta en marcha do Plan Termal, a aposta pola sinalización das villas termais ou o traballo do Plan de Turismo de Saúde.

Ademais, valorou especialmente a celebración de xornadas formativas como estas para aproveitar sinerxías e sumar esforzos “e impulsar a implantación de boas prácticas e o desenvolvemento e innovación nun sector que, co traballo de todos, estamos seguros de que é e seguirá sendo clave para o noso turismo e a nosa economía”, subliñou. Nava Castro salientou os resultados da posta en marcha do Plan Termal, que contou cun investimento de preto de seis millóns de euros e está executado case na súa totalidade. Calificouno como potente ferramenta que estrutura e pon en valor os recursos termais da nosa Comunidade ao tempo que permite mellorar as infraestruturas termais e a súa promoción.

A aposta pola innovación e formación, con proxectos levados a cabo en colaboración coa Asociación de Balnearios de Galicia (BALNEGAL), para desenvolver un proxecto de xestión médica e documentación dos balnearios de Galicia, foron outros dos eixos da súa intervención, onde tamén se referiu á intensificación promoción levada a cabo en feiras especializadas como Termatalia. “Temos as infraestruturas, equipamentos, servizos de calidade polo que traballamos na creación de novos produtos turísticos que xeren un alto valor engadido porque o perfil de viaxeiros interesados no termalismo é dun alto poder adquisitivo, con estancias prolongadas nas que adoitan vir acompañados de familia”, engadiu a directora de Turismo.

22 de xullo de 2019 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.