publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural cede dúas motobombas antiincendios aos concellos de Muros e Lobios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLobiosLocal PortadaMurosPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas ordes da Consellería do Medio Rural polas que se acorda a cesión en propiedade de dous vehículos motobomba aos concellos de Muros e Lobios. Deste xeito, a Xunta reforza o operativo de loita contra os incendios forestais, dotando ás entidades locais dos medios necesarios para un correcto funcionamento do dispositivo. Esta cesión súmase ás 4 ordes xa publicadas no DOG polas que se acordou a entrega de motobombas propias a distintos municipios co fin de mellorar o traballo que se realiza desde os distritos forestais.

Estas achegas fanse consonte á normativa reguladora das bases do réxime local, que establece que lles corresponde aos concellos exercer no ámbito territorial da súa responsabilidade competencias en materia de prevención e extinción de incendios, nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas. Así, cada unha das entidades que recibe unha motobomba deberá cumprir coas obrigas da Dirección Xeral de Tráfico e realizar o trámite de cambio de titularidade do vehículo, facerse cargo de todos os gastos de mantemento do vehículo e os derivados do seu uso, os propios do seguro, inspección técnica, etc.

Estes vehículos forman parte do operativo antiincendios de Medio Rural, que na tempada de alto risco está composto por 360 motobombas, cisternas, pas, unha trintena de medios aéreos e preto de 7.000 traballadores. Ademais, cabe salientar a recente renovación doutros 22 vehículos motobombas para os distritos forestais, que supuxeron un investimento de preto de 5 millóns de euros.

31 de xullo de 2019 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.