publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural achega 4,5 millóns de euros a máis de 500 beneficiarios das axudas para a prevención dos danos causados por incendios, desastres naturais e catástrofes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). A través desta orde a Consellería do Medio Rural achegará 4,5 millóns de euros a 504 beneficiarios entre os que hai titulares de montes veciñais en man común, agrupacións e mancomunidades e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor).

Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), contribúen a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia. Con este obxecto establecéronse dúas liñas de subvencións: unha para o control selectivo de combustible e outra para a construción de puntos de auga.

A primeira liña engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación. Así, as actuacións subvencionables nesta liña consisten no control selectivo do combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación do lume. En total, nesta liña hai 464 beneficiarios que recibirán preto de catro millóns de euros. No caso da construción de puntos de auga, hai 40 expedientes aprobados aos que corresponde unha axuda de algo máis de 500.000 euros.

15 de xullo de 2019 | 14:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.