publicidade hoxe

Medio Ambiente presenta ao Consello Xeral do Colexio de Axentes da Propiedade inmobiliaria as políticas galegas en materia de rehabilitación e vivenda

A conselleira de Medio Ambiente na reunión coa delegación

A conselleira de Medio Ambiente na reunión coa delegación

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión con membros e representantes do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Axentes da Propiedade Inmobiliaria de España.

Neste encontro, no que tamén participou o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, a conselleira trasladou o esforzo que o Goberno galego está a realizar para impulsar e manter diversas liñas de actuación, co fin de recuperar o patrimonio edificatorio da Comunidade, ao tempo que se facilita o acceso á vivenda.

Sinalou que só en 2019 a Xunta mobiliza case 53 millóns de euros, que se destinan a poñer en marcha medidas e programas orientadas á rehabilitación (uns 26,41 M€); ao tempo que tamén se mobilizan investimentos a través de distintas liñas para facilitar o acceso á unha vivenda. Neste sentido, destacou as axudas dirixidas aos máis mozos e ás mulleres vítimas da violencia de xénero ou de explotación sexual.

Os membros do Consello de COAPI tamén mostraron seu interese pola Lei de rehabilitación de Galicia, sobre a que a conselleira destacou que a Comunidade galega é pioneira, pois é a primeira rexión en dispoñer dunha normativa específica en materia de rehabilitación. Indicou que se trata dun exemplo máis da aposta do Goberno galego pola recuperación do patrimonio xa construído.

A Lei de Rehabilitación de Galicia, que entrou en vigor en maio, ten como principio básico que “non hai maior desprotección que o seu abandono”, polo que é imprescindible habilitar un escenario propicio para a rehabilitación edificatoria e a rexeneración urbana, que contribuirá a dar vida aos cascos históricos e aos concellos galegos.

19 de xullo de 2019 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.