publicidade hoxe

Medio Ambiente invita aos concellos a beneficiarse dos 4,5 millóns de euros reservados para as axudas ás Áreas de Rehabilitación Integral e dos Camiños de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, invitou esta mañá a solicitar axudas ao amparo dos programas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) e ARI dos Camiños de Santiago, que suman un importe global de 4,5 millóns de euros. A conselleira mantivo esta mañá unha reunión con representantes municipais dos concellos da provincia de Lugo, aos que lles trasladou que o programa de Áreas de Rehabilitación Integral prevé axudas a propietarios para a rehabilitación de vivendas e a concellos para urbanización e reurbanización no ámbito comprendido dentro dunha ARI declarada.

Recordou que a nova convocatoria realizada polo IGVS para todas as áreas de rehabilitación integral de Galicia, aberta dende o pasado 10 de xullo, está dotada con tres millóns de euros e o prazo para presentar as solicitudes remata a finais de outubro; e engadiu que -de xeito paralelo- tamén se abriu a convocatoria das subvencións ás ARI dos Camiños de Santiago, dotada nesta nova convocatoria de 1,5 millóns de euros. Lembrou que -neste último caso- para acceder ás axudas, que poden ser de ata o 40% da actuación ou de 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra, é preciso contar cunha cualificación provisional que se pode solicitar en calquera momento.

Ángeles Vázquez invitou aos concellos a facer uso destes recursos públicos, así como de achegar aos seus veciños esta información, co fin de que ambas liñas de actuación esgoten o crédito reservado; ao tempo que é unha mostra do interese dos galegos por recuperar o patrimonio xa construído e se artella unha medida para facilitar o acceso a unha vivenda.

Rehabilitar, cada vez máis doado

A conselleira de Medio Ambiente destacou que Galicia ten avanzado neste ano un paso moi importante, ao contar coa primeira Lei de rehabilitación, polo que se pode afirmar que Galicia é pioneira nesta materia, xa que é a primeira rexión en dispoñer dunha normativa específica en materia de rehabilitación.

Neste sentido, en Galicia cada vez é máis doado rehabilitar, non só polos incentivos dispoñibles; senón porque a Lei de Rehabilitación de Galicia, que entrou en vigor en maio, tamén simplificou os procesos e os trámites para levar a cabo actuacións de rehabilitación, por parte daqueles que teñen interese. Recordou que amplía os supostos para a concesión de licencias directas por parte dos concellos para a execución de traballos, como cambios de cuberta, actuacións en carpinterías exteriores, en fachadas ou no interior das edificacións, que tamén se aplican ás vivendas situadas nos Camiños de Santiago, sempre que non afecte a elementos especificamente protexidos, insistiu.

Orzamento de 50 millón de euros

Ademais da liña de axudas a ARI e dos Camiños de Santiago, a Xunta ten habilitados outros programas, que suman un importe global de máis de 50 millóns de euros en 2019 e que está a disposición das entidades municipais e dos galegos. A conselleira detallou o esforzo do Goberno galego por habilitar programas e medidas que suman 52,96 millóns de euros, dos cales 26,41 se destinan á rehabilitación; mentres outro tanto (26,55 M€) se reservan a iniciativas que teñen por fin garantir o acceso á vivenda, onde destacou as axudas dirixidas aos máis mozos e ás mulleres vítimas da violencia de xénero ou de explotación sexual.

Sinalou que aínda está aberto o prazo para a solicitar unha axuda ao abeiro da primeira orde para a adquisición de vivendas en centros históricos dirixida especificamente ao colectivo de menores de 35 anos, e que está dotada de 800.000 euros; un grupo social que tamén se pode beneficiar das axudas para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes ou das axudas ao alugueiro, aos que se lles abona un 50% da renda durante un período máximo de tres anos. Indicou que a previsión do IGVS é convocar esta liña de incentivos (axudas ao alugueiro) antes de que remate o verán.

Ángeles Vázquez salientou a importancia de estar ao carón das persoas que sofren situacións de especial risco; polo que trasladou a necesidade de que os servizos sociais municipais coñezan os programas específicos para apoiar a estas persoas a iniciar un novo futuro. Lembrou que este ano por primeira vez se convocou unha liña de axudas específica para as mulleres vítimas da violencia de xénero, aos seus fillos, e a vítimas de explotación sexual, dotada con 1,6 millóns de euros. Deste xeito, cada solicitante contará con ata 225 euros ao mes para acceder á vivenda, así como a unha única axuda de 600 euros para facer fronte a gastos de contrato.

Tamén recordou que se deseñaron tres programas dirixidos especificamente aos concellos, xa que “en ocasións hai iniciativas que se quedan en ideas por falta orzamento”. Grazas ao programa de vivendas de mestres e de infravivenda; así como ao programa de axudas do fondo de cooperación, que se poden solicitar ata o vindeiro 1 de outubro e que teñen por obxectivo financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, a Xunta puxo a disposición das entidades locais preto de 8,5 millóns de euros.

22 de xullo de 2019 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.