publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Máis de 105.000 galegos recibiron unha herdanza en 2018 e non pagaron nin un euro de Imposto de Sucesións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), María Victoria González, destacou hoxe que máis de 105.000 galegos recibiron unha herdanza no ano 2018 e non pagaron nin un euro á Xunta polo Imposto sobre Sucesións e Doazóns, grazas á rebaixa fiscal aprobada polo Goberno galego en 2016 e que deixa libre de tributación a máis do 99% dos contribuíntes cando reciben unha herdanza dun familiar directo, é dicir, ascendentes, descendentes ou cónxuxes.

Na súa comparecencia para presentar a memoria anual deste organismo correspondente ao exercicio 2018, María Victoria González explicou que o número de persoas que quedaron exentas de tributar aumentou un 7,2% respecto ao ano anterior. Este incremento débese ao novo crecemento dos pactos sucesorios –coñecidos como ‘herdanzas en vida’-, que en 2018 volveron acadar o seu récord histórico ata chegar ás 30.486 autoliquidacións.

Ademais, case 21.800 galegos beneficiáronse do programa ‘Impostos cero no rural’, posto en marcha pola Xunta en 2016 co obxectivo de dinamizar o medio rural, promover a mobilidade de terras e fixar poboación nas zonas non urbanas, o que supón un incremento do 22% sobre o exercicio anterior. Este programa permite transmitir terreos rústicos, ampliar explotacións ou adquirir unha vivenda a determinados colectivos –como mozos ou familias numerosas- sen pagar nin un euro á Xunta polo Imposto sobre Transmisións Patrimoniais.

Segundo consta na memoria, os fogares galegos aforraron o pasado ano 99 millóns de euros grazas a estas baixadas fiscais. Estes 99 millóns son recursos que quedaron en mans dos fogares galegos “co obxectivo de reactivar o consumo interno e manter íntegro o patrimonio das familias en caso de perda dun familiar directo”, sinalou a directora da Atriga.

A memoria da Atriga confirma que a Xunta aflorou 180,1 millóns de euros de débeda non declarada a través das actuacións de control fiscal que realiza este organismo, cun aumento do 25% respecto a 2017, un incremento que se debe ao efecto positivo das actuacións iniciadas pola Administración galega nos últimos anos e finalizadas no ano 2018.

93% de autoliquidacións correctas

A memoria ratifica que en 2018 o 93% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega eran correctas e non precisaron modificacións, e só no 7% dos casos a Atriga modificou a autoliquidación presentada. Este indicador coincide co do anterior exercicio –o 92% de autoliquidacións correctas-, polo que se ratifica que a inmensa maioría dos contribuíntes en Galicia pagan correctamente os seus impostos. E no eido da inspección, en 2018 a Atriga realizou 1.121 actuacións de inspección -incluíndo actas de inspección e procedementos sancionadores-, o que permitiu acadar un importe de 83,1 millóns.

Récord de confección por vía electrónica

A memoria da Atriga tamén mostra que o 81,1% das autoliquidacións de impostos no ano 2018 foron confeccionadas por vía electrónica, fronte ao 18,9% que foron confeccionadas en papel. Esta porcentaxe supón un récord na historia da Axencia Tributaria de Galicia, ao superar a cifra do ano anterior (69,9%) e a de todos os exercicios precedentes.

3 de xullo de 2019 | 12:35 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario