publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia reclámalle ao Ministerio de Sanidade que adopte as medidas ás que se comprometeu para paliar o déficit de médicos de familia e pediatras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Margarita Prado Vaamonde, participou hoxe na reunión da Comisión técnica delegada de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde. A representante do Goberno galego reclamou ao Ministerio de Sanidade que adopte xa as medidas urxentes ou excepcionais ás que se comprometera, co obxecto de paliar o déficit de profesionais de determinadas categorías, especialmente as de médico de familia e pediatra.

O Goberno galego leva tempo insistindo na necesidade de que o Ministerio adopte con urxencia medidas de carácter extraordinario para afrontar esta carencia de especialistas no conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

Entre as medidas ás que xa se comprometera o Ministerio, e que hoxe reclamou a directora de Recursos Humanos do Sergas, están, a modificación do Real Decreto que regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en Ciencias da Saúde, co obxecto de incentivar a retención de especialistas en prazas de difícil cobertura ou en especialidades deficitarias; e a dotación dos medios necesarios para reducir os prazos de tramitación e resolución dos expedientes de homologación de títulos de especialistas extracomunitarios.

Outro compromiso do Ministerio de Sanidade que o Sergas reclama é a posta en marcha dun Rexistro estatal de profesionais sanitarios e, en base ao mesmo, a realización dun estudo de necesidades de especialistas que estaba previsto para finais do pasado ano. Tamén reclama o Sergas a eliminación das limitacións derivadas da taxa de reposición; e a análise dos criterios establecidos na normativa de incompatibilidades do persoal médico ao servizo dos centros e institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

Medidas realizadas polo Sergas

Margarita Prado sinalou que Galicia xa adiantou, no seu nivel competencial, todas aquelas medidas que podía levar a cabo para paliar o déficit de profesionais sanitarios, que é común ao resto do Estado. Así, a nosa comunidade foi das poucas que, en plena crise económica e de contención do gasto, mantivo ofertas de emprego públicas anuais en categorías deficitarias, esgotando a taxa máxima de reposición permitida pola lexislación estatal e ampliándoa ata chegar ao 108% por ter cumprido co superávit.

Xunto ao anteriormente sinalado, o Servizo Galego de Saúde prorrogou, ata os 70 anos, a idade de permanencia no servizo activo, e realizou un concurso de traslados aberto e permanente para atraer a profesionais, facendo efectivo e máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario.

Outra das medidas adoptadas polo Sergas é a posta en marcha do nomeamento estatutario eventual de continuidade, de ata tres anos de duración, asinado coas forzas sindicais, tanto para a categoría de médico de familia de atención primaria como para o persoal de enfermería. Esta iniciativa está a permitir recuperar a profesionais ademais de reter aos residentes que remataron o pasado mes de maio a súa residencia no Sergas. Tamén posibilita a continuidade asistencial entre o persoal sanitario e o paciente.

Ademais, o Sergas está a incentivar as titorías para incrementar a capacidade docente das unidades de atención primaria e realizou a exención da nacionalidade española para vincular mediante nomeamentos estatutarios, aos médicos especialistas extracomunitarios.

O Servizo Galego de Saúde tamén está a mellorar as condicións laborais dos profesionais e, deste xeito, Galicia é das poucas comunidades que recoñece a propietarios e interinos en igualdade de condicións o acceso á carreira profesional.

29 de xullo de 2019 | 14:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.