publicidade hoxe

Galicia investirá 40M€ na renovación do parque de vehículos de particulares e empresas co novo programa de axudas á mobilidade eficiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o novo programa de axudas á mobilidade eficiente co que a Administración galega favorecerá a renovación do parque de vehículos de particulares, autónomos e empresas. Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca facilitar a substitución de 2000 vehículos con 10 anos de antigüidade como mínimo por novos modelos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente. Deste xeito, tamén se redundará en importantes aforros económicos para os condutores e na xeración de actividade económica na industria galega da automoción, sobre todo entre concesionarios e puntos de venda autorizados. A previsión é que nos próximos meses se mobilicen 40 millóns de euros e se creen 320 postos de traballo directos.

A Xunta de Galicia trata de contribuír á mellora das vendas de automóbiles en Galicia, que segundo os últimos datos rexistrados levan 11 meses de caídas consecutivas (entre agosto de 2018 e xuño deste ano) debido ás incertezas xeradas por unha transición enerxética desordenada a nivel estatal que está afectando de maneira especial ao futuro da industria da automoción.

Este programa autonómico, consensuado co sector, ten como principais obxectivos ofrecer aos galegos e galegas información sobre a aposta que se está facendo por realizar investimentos que contribúan a contar con vehículos máis eficientes e sostibles. Os novos modelos de turismos e furgonetas permiten reducir tanto os custos enerxéticos –o que se traduce na mellora da calidade de vida da sociedade e no impulso da competitividade do tecido empresarial– como o consumo de enerxía, aumentando a eficiencia enerxética e a utilización de novas tecnoloxías na fabricación dos vehículos.

A industria da automoción en xeral é un dinamizador estratéxico da economía galega, ademais dunha fonte básica de xeración de emprego: por cada novo posto directo, créanse catro nas fábricas de compoñentes e entre sete e oito no sector servizos.

Posibles beneficiarios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dispón este ano de 1,1 millóns de euros para este programa de renovación do parque móbil. En concreto, as axudas diríxense a persoas físicas residentes na Comunidade (800.000 euros) e a autónomos e empresas con domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia (300.000 euros).

A nova orde permitirá a adquisición de vehículos de ata 40.000 euros, impostos incluídos. Poderán ser tanto turismos como furgonetas. No caso dos primeiros, que deberán contar coa clasificación enerxética A, existen dúas modalidades: turismos que emitan ata 100 gramos de CO2 por quilómetro e os que emitan como máximo 120 gramos. Nas furgonetas, os modelos subvencionables non superarán os 137 gramos de CO2 por quilómetro.

As persoas físicas poderán acollerse ás axudas para comprar un turismo ou unha furgoneta, mentres que empresas e autónomos terán a posibilidade de adquirir unha ou dúas furgonetas. As axudas da Xunta serán de 750 euros para os particulares que compren un turismo que emita como máximo 100 gramos de CO2 por quilómetro; e de 500 euros para persoas físicas que adquiran un coche con emisións de ata 120 gramos, ou para particulares, empresas e autónomos que compren furgonetas que cumpran cos criterios establecidos. A estas axudas da Xunta hai que engadir un desconto similar por parte do concesionario, polo que o cliente poderá beneficiarse de aforros de 1.500 euros ou de 1.000 euros, en función do modelo, na compra do vehículo.

Ademais de dinamizar a compra de novos turismos e furgonetas, este programa da Xunta facilita a renovación do parque móbil, retirando das estradas as unidades con tecnoloxías máis obsoletas e, por tanto, menos respectuosas co medio ambiente. Así, para o pagamento da axuda, ademais de acreditarse a baixa definitiva dun automóbil a achatarrar, este turismo ou furgoneta deberá estar matriculado en España, ter 10 anos de antigüidade como mínimo, coa ITV en vigor e o futuro beneficiario debe ser o seu titular polo menos desde un ano antes de formalizar a solicitude de axuda.

As entidades colaboradoras, neste caso, concesionarios e puntos de venda autorizados en Galicia, encargaranse de pedir as axudas en nome dos seus clientes. Todo o proceso de tramitación será por vía telemática (solicitude, consulta do estado do expediente e da documentación presentada).

Para ser entidade colaboradora, terá que realizar a súa inscrición nun máximo de cinco días hábiles desde a publicación do novo programa no DOG, mentres que o prazo para a solicitude das axudas estará aberto entre o 30 de xullo e o 15 de outubro, sendo nese mesmo período no que deberá ser comprado o vehículo. Hai que ter en conta que se trata dunha orde por concorrencia non competitiva e, polo tanto, o reparto dos fondos do Inega será por orde de chegada das solicitudes.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria estima que con este programa se poderá apoiar a renovación de 2000 vehículos, mobilizando para a adquisición dos novos ao redor de 40 millóns de euros e permitindo a xeración de 320 empregos directos en Galicia. Os proxectos apoiados tamén propiciarán a redución do consumo enerxético final en 6000 MWh/ano e das emisións de CO2 en 1600 toneladas cada 12 meses, o equivalente a acción de 80.000 árbores. Os aforros económicos previstos acadarán os 727.000 euros anuais.

Con este programa de axudas á compra de automóbiles de combustión máis respectuosos co medio ambiente, a Xunta de Galicia completa así a súa aposta pola mobilidade eficiente, xa que ata o próximo 31 de decembro mantén aberta tamén a convocatoria do Plan Moves, dirixido á adquisición de vehículos eléctricos ou alternativos (gas natural ou gas licuado de petróleo). Este plan contempla a compra de turismos, furgonetas, camións e autobuses, a posta en marcha de infraestruturas de recarga, sistemas de préstamo de bicicletas eléctricas, así como plans de transporte aos centros de traballo.

8 de xullo de 2019 | 14:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.