publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo constata con Corina Porro en Vigo que a estabilidade e a cooperación forman o eixo sobre o que camiña Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+
Toma de posesión de Corina Porro

Toma de posesión de Corina Porro

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe coa nova delegada da Xunta en Vigo que a estabilidade e a cooperación forman o eixo sobre o que camiña Galicia.

Durante a toma de posesión de Corina Porro, Feijóo incidiu en que no medio dun entorno convulso, a nosa comunidade destaca polo exemplo de estabilidade. “Os nosos debates non versan sobre como se forma o goberno ou cando, senón sobre iniciativas, proxectos, medidas e plans de goberno”, aseverou, expoñendo a necesidade de apuntalar estes valores “para seguir no bo camiño que nos leva a esa cita co mundo que será o Xacobeo 2021”.

Nesa andaina, o titular do Executivo autonómico subliñou que Vigo conta coa nova delegada para que a cidade olívica teña o papel que lle corresponde. Non en van, lembrou que na conformación desta gran capital galega, española e europea está a súa pegada como concelleira, alcaldesa e presidenta da Autoridade Portuaria.

“Corina é sinónimo de empatía, de proximidade, de dedicación e, sobre todo, de viguismo en positivo. A súa escola política é Vigo e os seus mestres son os vigueses”, dixo, precisando que a nova delegada da Xunta sinte Vigo “e sabe interpretalo e defendelo como ninguén”. “Sei que vai a ser moito máis a delegada de Vigo na Xunta que a delegada da Xunta en Vigo”, sentenciou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou que a Xunta é a Administración que máis inviste na cidade olívica. “Os datos son difíciles de refutar”, aseverou, referíndose tanto ao naval como á automoción ou á pesca, ao Hospital público, á depuradora, a ETEA, á Cidade da Xustiza e á futura residencia de maiores como exemplos dese compromiso “que debemos transmitir máis clara e máis intensamente”.

Deste xeito, subliñou que o acopio investidor, que non admite comparación con outra administración ou con calquera outro momento, debe ir acompañado dunha presenza activa dos representantes desa administración na vida cotiá dos vigueses. “A cidadanía sabe que o seu benestar depende dun conxunto de administracións, entre as cales está a autonomía. Sendo o obxectivo de todas elas o veciño de Vigo, a súa obriga é cooperar, coordinarse e entenderse. Así o estamos facendo e así se seguirá a facer con máis énfase se cabe na etapa que se inicia con Corina”, abundou.

Feijóo concluíu a súa intervención expresando o recoñecemento ao traballo dos delegados territoriais e, especialmente, ao labor de Ignacio López-Chaves, “un vigués educado, paciente, traballador e honesto, esencial para que ese modelo cooperativo que deseñamos funcione na práctica cotiá”, subliñou.

15 de xullo de 2019 | 14:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.