publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Educación axusta as unidades dos centros educativos ás necesidades de escolarización do vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de rematar a revisión da matrícula e das unidades e postos de traballo docentes dos centros escolares públicos nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial para o vindeiro curso 2019/20, un proceso habitual que se leva a cabo todos os anos antes do inicio de cada curso co fin de adecuar a estrutura de cada centro educativo ao alumnado que ten matriculado.

Conforme aos datos definitivos de matrícula, o vindeiro curso escolar deixarán de prestar servizo educativo 6 escolas unitarias, debido ao baixo nivel de alumnado nestes centros. Cómpre sinalar que a Consellería mantén, un ano máis, o criterio de que haxa como mínimo seis alumnos matriculados.

Trátase, na provincia da Coruña, das EEI de Portocubelo (4 matrículas) e de O Viso (5 matrículas), ambas no concello de Carnota; da EEI O Seixo en Mugardos (5 matrículas) e o CEIP de Polveira en Trazo (4 matrïculas). Na provincia de Pontevedra deixarán de prestar servizo a EEI de Arcos de Furcos en Cuntis (3 matrículas) e a EEI de Zamáns en Vigo (5 matrículas). Estas escolas suman entre todas un total de 26 alumnos que, en todo caso, teñen asegurada unha praza escolar noutro centro educativo próximo.

Reorganización de unidades

Tamén cada ano, atendendo aos datos oficiais de matrícula, lévase a cabo un proceso de reorganización de unidades dentro dos propios centros educativos que leva consigo, ben a creación de novas unidades, ben a supresión doutras e o reagrupamento en función do incremento ou diminución de alumnado. Así mesmo, habilitáronse unidades (sen creación) para o suposto de desdobramentos de aulas cando existe un incremento puntual ou circunstancial do número de alumnos ou alumnas pero non hai perspectivas que garantan que esa situación se consolide nos vindeiros anos. Os datos globais das unidades por provincias son os que a seguir se detallan:

Provincia Supresións Creacións Habilitacións Totais

A Coruña -20 +12 +5 -3
Lugo -2 +8 -3 +3
Ourense -5 +2 +4 1
Pontevedra -40 +3 +2 -35
TOTAIS -67 +25 +8 -34

Os datos concretos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe (*).
Esta decisión da Consellería responde á obriga de realizar unha xestión eficiente dos recursos educativos sostidos con fondos públicos, adecuándoos tanto ás necesidades educativas de cada zona como á realidade social.

Centros de nova construción programados

Precisamente tendo en conta esas necesidades e para atender a demanda de escolarización en determinadas zonas de maior dinamismo demográfico, nestes momentos a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ten programado a construción de seis novos centros escolares -ben xa en obras, ben en programación- que entrarán en servizo os vindeiros anos.

Trátase dos CEIP Novo Mesoiro (A Coruña), de Milladoiro (Ames), de Arteixo, de Vilalonga (Sanxenxo), de Pazos de Rei (Tui), e o novo Sagrado Corazón (Lugo), que absorben uns preto de 23 millóns de euros de investimento público, aos que hai que engadir outras 14 obras de ampliación noutros tantos centros xa existentes.

29 de xullo de 2019 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.