publicidade hoxe

Cultura reúnese cos concellos da Ribeira Sacra para concertar os pasos a dar cara a súa declaración na UNESCO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoOurensePortada dereita
A-
A+

Unha representación da Consellería de Cultura e Turismo, encabezada polo titular da mesma, Román Rodríguez, reuniuse hoxe no Gaiás cos alcaldes e representantes municipais dos concellos da Ribeira Sacra para abordar os avances e a folla de ruta a seguir para acadar a inclusión da Paisaxe cultural da Ribeira Sacra na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO no 2021.

Román Rodríguez destacou o empeño do equipo técnico da candidatura e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de “dar os pasos axeitados para lograr a declaración deste ben como Patrimonio Mundial” e fixo fincapé no desenvolvemento do Plan de Xestión da Ribeira Sacra “como paso previo positivo e necesario para a candidatura”. “Precisamos saber ‒indicou o conselleiro‒ como imos protexer o territorio, como o imos dinamizar e como imos facer a coordinación administrativa, confeccionando os investimentos e as actuacións desenvoltas polos diferentes axentes do territorio”.

No marco do mesmo está previsto fixar medidas concretas orientadas a conservar o valor universal excepcional desta contorna e promoverase a difusión dos seus valores dentro e fóra da zona. O titular de Cultura lembrou ao respecto do Plan que “se trata dun traballo imprescindible para ter éxito perante a UNESCO”, explicou que a Fundación Juana de Vega está a traballar no seu desenvolvemento e que se conta con telo dispoñible no derradeiro trimestre deste ano.

23 de xullo de 2019 | 14:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.