publicidade hoxe

Conde apela á suma de esforzos para que o naval galego continúe coa súa expansión internacional e o seu liderado a nivel nacional

Francisco Conde na asemblea celebrada por Aclunaga en Santiago de Compostela

Francisco Conde na asemblea celebrada por Aclunaga en Santiago de Compostela

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe por reforzar a colaboración co Clúster do naval galego (Aclunaga) para que esta industria continúe coa súa expansión internacional e conserve a súa hexemonía a nivel nacional. Así o destacou na asemblea celebrada por Aclunaga en Santiago de Compostela na que se nomeou ao novo presidente da entidade, Manuel Vázquez, quen substitúe no cargo a Marcos Freire.

Conde destacou que o sector naval conta co respaldo da Xunta para robustecer ás pequenas e medianas empresas deste eido co obxectivo de garantir a competitividade, fortalecer a cohesión e ofrecer o mellor acabado técnico aos elementos do sector naval e marítimo.

Apelou á suma de esforzos para seguir impulsando o sector galego que conta coa segunda maior carteira de pedidos de Europa, só por detrás dos Países Baixos. A industria naval sitúase con preto de 38.500 traballadores asociados ao naval e á industria auxiliar contando cun 6% máis de afiliacións á Seguridade Social que hai un ano. Representa o 4,3% do PIB galego e conta entre as súas filas con 5 dos 10 mellores estaleiros privados de toda España.

Así, puxo en valor a solvencia e a competitividade do sector que “soubo afrontar os retos dunha situación difícil e soubo traballar cos axentes sociais para que Galicia poida asumir hoxe en día ese liderado”. Neste senso, indicou a importancia do seu traballo en clave de dixitalización e innovación para que esta industria siga creando emprego, ámbitos que apoia a Xunta.

Neste senso, apuntou que a Administración autonómica traballa para contar cunha Galicia máis preparada e máis innovadora e, por iso, axudou a mobilizar nos últimos tres anos un total de 50 millóns de euros para apoiar estes dous ámbitos na industria naval. Para favorecer a formación, a Xunta puxo en marcha un plan específico que alcanza os 15,6 millóns de euros desde 2017 dos que se benefician 3400 persoas. No caso da innovación, están en marcha as Unidades Mixtas con 5 proxectos de I+D+i ou os programas Interconecta e Conecta Pemes, con 19 proxectos para a mellora dos produtos.

Conde, para rematar, agradeceu o labor desenvolvido por Marcos Freire na dinamización e aumento da visibilidade do sector; a promoción de plans específicos de formación e relacións laborais; o fomento da cultura da I+D+i; e na internacionalización da marca Galicia.

Tamén destacou a traxectoria do novo presidente, Manuel Vázquez, o primeiro que procede da empresa auxiliar. Indicou a importancia de que continúe co modelo expansivo da man do resto de entidades clave do sector e co desenvolvemento de novos produtos e patentes.

Sinalou, así mesmo, a necesidade de seguir liderando a innovación integrando a Industria 4.0 e procurando atraer socios internacionais para potenciar o papel das empresas galegas no estranxeiro. Resaltou que a situación estratéxica do naval en Galicia non sería posible hoxe en día sen o traballo de Aclunaga no recoñecemento dos retos do sector, na definición dos obxectivos e estratexias e na posta en marcha de actividades para o beneficio das empresas que integran o clúster.

30 de xullo de 2019 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.