publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Catro centros educativos de Santiago contarán con 9 ciclos formativos de FP Dual con 145 prazas con prácticas en 30 empresas da comarca

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou a empresa Bétula Cars (Grupo Pérez Rumbao S.L.), unha das encargadas de impartir este ano a formación dual dos ciclos de Carrozaría e de Automoción no CIFP Politécnico de Santiago.

O delegado da Xunta informou que a Consellería de Educación contempla no curso 2019/2020 12.384 prazas en primeiro curso en centros públicos da provincia da Coruña (en números moi similares ao curso anterior), en 510 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 8.907 forman parte do réxime ordinario – 3.410 en grao medio, 3.805 en grao superior, 1.368 en FP Básica e 324 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa-, mentres que outras 1.882 son do réxime modular para persoas adultas –895 en grao medio e 987 en grao superior-, e 1.000 do réxime modular a distancia –450 en grao medio e 550 en grao superior.

Nos 4 centros de Formación Profesional da cidade de Santiago de Compostela (CIFP Compostela, CIFP Politécnico de Santiago, IES A Pontepedriña e IES San Clemente), ofértanse en total 1.895 prazas.

No referido á FP Dual ofértase un total de 595 prazas na provincia (271 en grao medio e 324 en grao superior).

A principal novidade na provincia é a incorporación á oferta de 35 novos proxectos de FP Dual (un 59% máis dos que entraron en funcionamento na provincia no 2018/19).

Neste sentido, o delegado territorial lembrou que “a FP Dual é o modelo de formación de futuro, no que o alumnado pode formarse e vivir á vez a realidade dun centro de traballo, e na que a empresa se involucra tanto no propio currículo do ciclo como na formación complementaria do estudante”.

Ovidio Rodeiro recalcou que “esta oferta é unha das apostas do departamento educativo da Xunta de Galicia para impulsar a empregabilidade dos titulados e para axustar a formación profesional ás necesidades dos sectores produtivos locais”. Neste senso, engadiu que “o obxectivo da programación da FP en Galicia é dar resposta ao tecido socio-produtivo de cada comarca e á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP galega acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos”.

Nos catro centros da cidade de Santiago impartiranse 9 ciclos de FP dual en empresas dos cales 3 son proxectos novos: Carrocería no Politécnico de Santiago; Comercialización de produtos agroalimentarios no IES A Pontepedriña e Desenvolvemento de aplicacións web no IES San Clemente. En total, nestes 9 ciclos ofértanse 145 prazas.

Deste xeito avánzase no Plan de dinamización da FP Dual de Galicia. Así mesmo, foméntase a incorporación destas ensinanzas a sectores estratéxicos e punteiros, como é o das enerxías renovables.

17 de xullo de 2019 | 14:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.