publicidade hoxe

As esperas con arco do primeiro Plan de control do xabaril en Lugo logran afastar aos animais das zonas periurbanas e urbanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoLugoPortada esquerda
A-
A+
Rolda de prensa da directora xeral de Patrimonio Natural

Rolda de prensa da directora xeral de Patrimonio Natural

Catro meses despois da súa posta en marcha, o primeiro plan para o control da presenza do xabaril nas zonas periurbanas e urbanas de Lugo cumpriu co seu obxectivo disuasorio, constatándose un afastamento destes animais cara a zonas máis alonxadas e mitigando a súa presenza e os avistamentos nos arredores da cidade. Así o resaltou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen esta mañá fixo balance dos resultados deste programa, o primeiro que se pon en marcha en Galicia co obxectivo de controlar a sobreabundancia de xabarís nas contornas urbanas.

Acompañada do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e da xefa Territorial da Consellería, Margarita López, a directora trasladou a satisfacción de todos os membros da comisión sectorial de desenvolvemento do plan ante a efectividade das accións levadas a cabo entre os meses de marzo e xuño.

Concretamente, Belén do Campo explicou que a principal medida de control nas zonas de exclusión da contorna de Lugo foron as esperas nocturnas con arco, cuxa efectividade fixo innecesario optar por outras accións alternativas. En total, leváronse a cabo 45 esperas que se saldaron con 11 exemplares abatidos por outros tantos disparos (sen que houbera ningún intento errado e garantindo a morte rápida e con mínimo sufrimento do animal); e 55 avistamentos por parte dos arqueiros. A maior parte destas accións desenvolvéronse xa no mes de marzo, cun total de 21 esperas; seguidas doutras 11 respectivamente nos meses de abril e maio; e dúas esperas máis en xuño.

Os resultados destas medidas non tardaron en ter efectos visibles xa que, como explicou a directora, tras as primeiras esperas realizadas, detectouse un afastamento dos animais respecto das áreas periurbanas e urbanas máis próximas á cidade. En abril e maio volveron achegarse algunhas mandas a estas zonas polo que se abateron novos exemplares, e xa en xuño, non se fixo ningunha captura debido a presenza de femias coas súas crías.

Grazas ás esperas con arco realizadas nos últimos catro meses, Belén do Campo subliñou que a presenza destes animais nas rúas de Lugo e nas súas inmediacións “está controlada”, detectándose un “cambio radical” con respecto á situación de hai uns meses e un comportamento “máis precavido” por parte dos grupos de xabarís que seguen nos arredores.

Por esta razón, explicou que a comisión sectorial encargada da posta en marcha e do desenvolvemento do plan –na que están representadas ademais da Administración autonómica, as forzas e corpos de seguridade, DGT, técnicos e axentes medioambientais, sindicatos agrarios, Federación Provincial de Caza, Deputación e Concello de Lugo- acordou por unanimidade manter o operativo aberto por se fose necesario volver a intervir con medidas de control da poboación desta especie. Esta vixilancia e seguimento para verificar que a situación actual se mantén baixo control, en todo caso, terá que vir acompañada doutras medidas de carácter preventivo.

Así, Belén do Campo indicou que durante a xuntanza tamén se incidiu na necesidade de instar ao Concello de Lugo a implicarse na execución de rozas de silveiros, toxeiras e outras matogueiras que proliferan preto da cidade e proporcionan unhas condicións óptimas para o encame e refuxio desta especie. Acabar con esta situación, incidiu a directora, é a mellor medida preventiva e un labor que a comisión considera “imprescindible” para evitar a necesidade de novos controis sobre as poboacións de xabaril ou reducilas ao mínimo.

Posta en marcha do plan

Cómpre lembrar que no mes de febreiro a comisión sectorial de desenvolvemento do primeiro plan para o control do xabaril na contorna de Lugo acordou levar a cabo un protocolo de actuación para afrontar os problemas derivados da presenza destes animais en zonas moi próximas á cidade, cunha incidencia importante sobre os cultivos e sobre todo, para o tráfico e a seguridade viaria. De feito, tal e como indicou do Campo, os representantes da DGT trasladáronlle aos membros da comisión que no que levamos de ano os xabarís estiveron involucrados en 490 accidentes de tráfico en toda a provincia de Lugo.

Como paso previo, partiuse dun informe no que se estimou que nas proximidades da cidade de Lugo existía unha poboación de aproximadamente 62 xabarís. A maioría destes exemplares movíanse pola marxe esquerda do río Miño e dentro deste grupo, concretamente uns 30 estaban localizados en zonas moi próximas ao núcleo urbano.

Tal e como precisou a directora, as medidas do plan de acción centráronse nestes exemplares por ser dos que se tiña unha presenza constatada na zona urbana e periurbana de Lugo e, polo tanto, a poboación que realmente estaba a ocasionar problemas e inquedanza entre a cidadanía. Esta estimación de xabarís, en todo caso, é moi inferior á poboación que se calcula que existe nos cinco tecores que hai na contorna da capital lucense, unha zona cunha extensión dunhas 35.000 hectáreas.

4 de xullo de 2019 | 14:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.