publicidade hoxe

A Xunta promove a creación de espazos industriais compartidos para avanzar nas solucións 4.0

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención de Juan Cividanes

Intervención de Juan Cividanes

O director do Igape, Juan Cividanes, presentou esta mañá en Santiago de Compostela a xornada na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria deu a coñecer os resultados da consulta realizada entre o tecido produtivo galego para coñecer a demanda que teñen os espazos industriais compartidos, para desenvolver unha liña de axudas co reto de impulsar este tipo de centros.

Máis de 50 empresas e outros axentes económicos galegos participaron no encontro no que representantes do Igape expuxeron, por unha banda, as conclusións que se desprenden dos 26 proxectos concertados presentados por pemes, grandes compañías, agrupacións empresariais e centros tecnolóxicos á manifestación de interese convocada recentemente, proxectos que supoñen un investimento total que supera os 120 millóns de euros.

Por outra banda, deuse a coñecer o deseño dunha nova liña de axudas, que forma parte do desenvolvemento da Axenda Industria 4.0, e que pretende promover que a iniciativa privada poña á disposición das pemes espazos avanzados de fabricación para a prestación de servizos que non serían rendibles sen unha colaboración que xerará infraestruturas abertas de desenvolvemento e produción industrial.

O director do Igape subliñou que as propostas dos participantes na xornada contribuirán a definir o programa dos Centros de Fabricación Avanzada, ao que se prevé destinar 16 millóns de euros para executar ata 2022, como parte das solucións da fábrica intelixente que propón a Axenda Industria 4.0 para os vindeiros anos. Destacou ademais que a iniciativa permitirá validar recursos de tecnoloxías dixitais ‘made in Galicia’ en sectores produtivos concretos.

Os apoios da nova liña de axudas concederanse para a posta en marcha de proxectos de infraestruturas locais de uso compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, e a modernización da base industrial, a fin de mellorar a súa competitividade. Para o uso destas infraestruturas establecerase un sistema de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice.

Cividanes destacou que a promoción infraestruturas axeitadas é un dos factores determinantes da mellora da competitividade das pemes galegas, que contribúe á activación da demanda da Industria 4.0 e promove a modernización e o desenvolvemento da base industrial da zona onde se crean.

Reforzo aos Hubs de Innovación Dixital

A nova liña de apoios primará a inclusión das infraestruturas creadas nos Hubs de Innovación Dixital apoiados polo Goberno galego, impulsados polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que se centrarán en tecnoloxías punteiras como a internet das cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada, a minaría de datos, a ciberseguridade ou a computación na nube.A partir da colaboración público-privada, estas iniciativas permitirán ás pemes acceder a novos servizos, co obxectivo de facilitar a súa competitividade a través da dixitalización. Contan tamén coa participación doutros clústeres, centros tecnolóxicos, grandes empresas tractoras e compañías tecnolóxicas, ademais das universidades.

En total, prevese destinar aos hubs e aos seus usuarios máis de 20 millóns de euros de apoios públicos. Así, durante este ano e o que vén, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e o Plan Galicia Innova, así como da Axenda 4.0, proporcionará axudas económicas de ata 200.000 euros por cada hub, ademais de asesoramento experto para a súa axeitada articulación.

Axenda Industria 4.0

Tal e como se deu a coñecer onte no Consello da Xunta, os centros de fabricación avanzada forman parte do bloque de medidas Solucións 4.0 que se desenvolverá este ano e o que vén (2019-2020) ao abeiro da Axenda Industria 4.0. Os restantes bloques, que tamén pretenden afondar na transformación do tecido produtivo, cara a Industria 4.0, son a prestación de servizos ás pemes (servizos 4.0), a creación dun Observatorio da Industria 4.0 (plataforma 4.0) e un programa de financiamento para as empresas (financiamento 4.0).

A partir dunha redefinición das áreas de acción nas que se estrutura a Axenda -estratexia, asesoramento, talento e financiamento- o Goberno galego destinará 350 millóns de euros ata 2022 ao desenvolvemento desta folla de ruta, co obxectivo de anticiparse aos cambios do novo modelo, aumentar o tamaño das empresas, favorecer a aposta polo talento dixital e contribuír á reinvención do tecido industrial galego e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico. Deste xeito, seguirase afondando no impulso á xeración dun novo tecido empresarial competitivo na economía global e conectada, facilitando ademais a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns nos próximos catro anos.

19 de xullo de 2019 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.