publicidade hoxe

A Xunta oferta máis de 900 prazas de formación continua para o persoal da Policía Local no último cuadrimestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o plan de formación continua da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para o persoal da policía local e que se impartirá durante o último cuadrimestre do ano. Inclúe 42 actividades, preto de 700 horas de formación e máis de 900 prazas.

Durante os próximos meses impartiranse cursos en materias comúns, como tráfico e seguridade viaria, pero inclúense como novidade formación relacionada cos vehículos de mobilidade persoal (os “patíns”) ou a investigación de atropelos. Tamén haberá formación específica en materia de menores que abranguerá todos os ámbitos de intervención.

Ademais, o Plan de formación inclúe dous cursos superiores: un en materia de urbanismo, medio ambiente e protección do patrimonio; e outro de actuación práctica ante os tribunais.

Cómpre destacar tamén que neste último cuadrimestre tocaranse por vez primeira materias como a aporofobia, o edanismo ou os métodos de intervención policial en trastornos de desenvolvemento infantil.

O prazo para inscribirse nestes cursos comeza a partir de mañá e prolongarase ata o 9 de setembro.

En setembro presentarase a formación específica en materia de violencia de xénero, un plan no que a AGASP descentraliza toda a súa formación a todas as xefaturas e concellos con policía local co obxectivo de levar os coñecementos ao 100% dos profesionais que traballan en Galicia.

29 de xullo de 2019 | 14:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.