publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investirá 18M€ nunha nova liña de préstamos directos dirixida ás pemes para que poidan crecer e innovar en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención do conselleiro Francisco Conde na xornada

Intervención do conselleiro Francisco Conde na xornada

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela nunha xornada técnica sobre instrumentos de financiamento para pemes galegas, organizada en colaboración co Instituto de Crédito Oficial (ICO), na que avanzou que a partir do mércores as pemes galegas poderán acceder a unha nova liña de préstamos directos. As axudas, que se poderán solicitar ata o próximo 31 de decembro, suporán un investimento por parte da Xunta de 18 millóns de euros entre este ano e o próximo.

Con esta actuación, a Administración galega financiará investimentos estratéxicos; en transporte de mercancías que utilicen combustibles alternativos; e en infraestruturas de uso compartido e o desenvolvemento de proxectos en Galicia por parte de asociacións empresariais.

Acompañado polo presidente do ICO, José Carlos García de Quevedo, o conselleiro puxo en valor a colaboración e o esforzo entre administracións no deseño de liñas complementarias e compatibles que faciliten ás empresas o acceso ao financiamento, un recurso imprescindible para poder levar a cabo os seus plans de negocio e, deste xeito, seguir crecendo e innovando.

Neste senso, lembrou que esta iniciativa enmárcase no Plan de financiamento empresarial de Galicia que, conta coa colaboración do ICO, e que desde a súa posta en marcha hai cinco anos permitiu apoiar preto de 11.000 empresas e autónomos, impulsando a mobilización de case 1200 millóns de euros. Conde, ademais, apuntou que 9 de cada 10 euros de financiamento permitiron desenvolver proxectos de autónomos e pemes.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé chegar este ano a través deste Plan a 800 proxectos de emprendedores, microempresas e pemes, contribuíndo a unha mobilización final de 300 millóns de euros.

O conselleiro destacou que se trata dun paquete integral de apoios co que se pretende crear novas empresas, aumentar o tamaño das xa existentes e impulsar a súa modernización a través da innovación para que ningún proxecto viable e con futuro non se leve a cabo por falta de apoio financeiro. Conde subliñou que este plan busca promover o éxito empresarial para contar cunha Galicia cada vez máis próspera.

O titular de Economía afirmou que Galicia quere consolidar a recuperación económica e, para iso, explicou que a Comunidade necesita o compromiso das empresas para que, co apoio das administracións, crezan en tamaño, exploren novos mercados e se internacionalicen, introduzan a innovación no seu día a día, aposten polo talento e invistan na formación dos seus empregados.

Por súa banda, o presidente do ICO, José Carlos García de Quevedo, destacou na súa intervención que “durante os últimos 18 meses o ICO concedeu 444 millóns de euros a través das Liñas ICO distribuídos en máis de 7500 operacións subscritas por autónomos e pemes de Galicia para financiar actividades empresariais e investimentos tanto en España con en terceiros mercados”.

15 de xullo de 2019 | 14:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.