publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta incrementa as axudas aos centros tecnolóxicos ata os 8 M€ para apoiar proxectos de I+D+i e converter Galicia nunha potencia científico-técnica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Francisco Conde na reunión co presidente de Atiga

Francisco Conde na reunión co presidente de Atiga

A Xunta incrementará nun 23,6%, ata os 8 millóns de euros, as axudas para os contratos programa aos centros tecnolóxicos de Galicia para apoiar os seus proxectos de I+D+i e, así, poder converter Galicia nunha potencia científico-técnica. Así avanzouno hoxe o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, nunha reunión que mantivo en Santiago de Compostela co presidente de Atiga, Juan Manuel Vieites, na que avaliaron os esforzos conxuntos entre a Xunta e os centros tecnolóxicos para apoiar o ecosistema innovador de Galicia.

Conde destacou que a iniciativa de aumentar este programa de axudas responde ao apoio da Administración galega á transferencia de coñecemento ás pemes e, en xeral, ao tecido produtivo. “Galicia tense que diferenciar polo coñecemento, o talento e a innovación para ter unha Galicia máis preparada, máis competitiva e máis innovadora”, engadiu.

Na xuntanza, Conde explicou as novidades destes apoios da Axencia Galega de Innovación (Gain) que van dirixidos aos principais centros tecnolóxicos de Galicia, as fundacións sanitarias e os centros do CSIC. Do global dos 8 millóns, un total de 5,4 M€ destinaranse ás axudas para implementar as condicións dos propios traballos de investigación tecnolóxica e os máis de 2 millóns restantes estarán dedicados a fundacións de investigación sanitaria. “A investigación tecnolóxica e sanitaria son os principais eidos de innovación que temos en Galicia”, subliñou Conde.

As axudas, por primeira vez, serán plurianuais para garantir un horizonte de maior certeza económica aos centros que poderán solicitar un pagamento anticipado de ata o 75% para facilitarlles a inxección económica para os seus proxectos.

O conselleiro explicou que o reto é seguir promovendo a excelencia científico-técnica en Galicia, potenciando as principais liñas de investigación; impulsar a formación, captación e retención do talento das persoas que forman parte dos centros, mellorando a súa capacitación; promover o sector sanitario como un motor económico para Galicia; e posicionar a investigación sanitaria realizada nestes centros como referente en Europa.

Conde resaltou que esta vía de colaboración público-privada está a dar os seus froitos lembrando que desde 2009 se crearon 600 empregos vinculados ao labor dos centros tecnolóxicos. Galicia, ademais, é a segunda comunidade autónoma que máis incrementou a súa aposta pola I+D duplicando os esforzos que se están a facer no resto de España.

O titular de Economía sinalou, para rematar, que a Xunta traballa para fortalecer o sistema galego de I+D+i, o que repercutirá na mellora da competitividade e na creación de emprego na Comunidade Autónoma. Para Conde, é preciso apostar por un desenvolvemento económico que parta da innovación, que blinde o crecemento e a produtividade e garanta un futuro sostible.

31 de xullo de 2019 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.