publicidade hoxe

A Xunta está a avaliar opcións alternativas de control de vexetación nas marxes das estradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde salientou que a Xunta está a avaliar a viabilidade de adoptar medidas alternativas de control de vexetación nas estradas, blindando o obxectivo prioritario de garantir a seguridade viaria.

Francisco Menéndez explicou que a posible adopción destas accións alternativas á aplicación de herbicidas, permitirían unha progresiva redución do seu uso.

Sinalou que a Axencia Galega de Infraestruturas, como órgano encargado do mantemento das vías autonómicas, leva a cabo actuacións para o control da vexetación nas marxes das estradas para manter a funcionalidade da rede, garantido a seguridade co mantemento da visibilidade para os condutores e do espazo libre de tránsito para os peóns. Este é o obxectivo das campañas de control da vexetación que periodicamente se levan a cabo nas estradas autonómicas.

Indicou que a Xunta cumpre coa normativa vixente ao esixir a utilización de produtos autorizados, que son estendidos por persoal especializado e só cando as condicións climatolóxicas son as idóneas para acadar un efecto localizado sobre a vexetación mais próxima ás estradas.

Lembrou que o produto que se utiliza (glifosato) está autorizado pola Unión Europea, tal como establece o Regulamento de execución (UE) 2017/2324 da Comisión do 12 de decembro de 2017. Este produto tamén está a ser empregado pola administración do Estado nas estradas da súa titularidade e por entidades locais.

Puntualizou que dentro da UE, son os Estados membros os que autorizan a comercialización e o uso dun determinado produto fitosanitario, polo que en España é a Administración do Estado a que fai pública a listaxe de produtos autorizados e fixa o ámbito para a súa utilización.

5 de xullo de 2019 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.