publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta empraza ao Concello de Ares a cumprir o seu deber de garantir o abastecemento de auga e lembra que leva investidos 75 millóns de euros en obras hidráulicas na zona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia empraza ao Concello de Ares a traballar por cumprir o seu deber de garantir o abastecemento de auga á poboación, xa que esta é unha competencia exclusivamente municipal. A Administración autonómica, pola súa banda, acumula unha traxectoria intensa de colaboración cos concellos no cumprimento das súas obrigas de xestión do ciclo da auga, de tal forma que leva investidos nos últimos anos 75 millóns de euros en obras hidráulicas para o saneamento de Ares e Mugardos.

Por ese motivo, o Goberno galego traslada o seu malestar e a súa sorpresa ante as recentes manifestacións do alcalde de Ares, quen descargou en Augas de Galicia a responsabilidade de solucionar as deficiencias que afectan ao sistema de abastecemento do municipio pese a ser este de titularidade exclusivamente municipal.

O alcalde non só elude asumir todo deber de actuación para garantir o abastecemento de auga a poboación, senón que, ademais, obvia nas súas manifestacións o importante apoio que vén recibindo por parte de Augas de Galicia nos últimos anos para estender os servizos da auga ás distintas parroquias do municipio.

Así, foi o apoio técnico e financeiro da Xunta, que achegou máis de 660.000 euros, o que permitiu dotar de depósitos e conducións xerais a parroquia de Cervás, do mesmo xeito que Augas de Galicia investiu 1,14 millóns de euros na rede de saneamento e abastecemento de Chanteiro. Ademais, claro está, dunha das actuacións máis importantes realizadas na súa historia pola Administración Hidráulica galega, as grandes infraestruturas destinadas para dotar de redes de saneamento e depuración a Ares-Mugardos, cun investimento de máis de 72 millóns de euros.

O concello de Ares, ao igual que Fene e Mugardos, recibe a auga a través dunha condución que é propiedade e obxecto de xestión por parte do Concello de Ferrol, e que precisa dunha reparación, para o que Augas de Galicia garantiu colaboración técnica.

Con ese fin, a Xunta está a elaborar un estudo para dar apoio aos catro concellos implicados na procura da mellor solución para a prestación do servizo de abastecemento de auga, unha competencia exclusivamente municipal.

Lamentablemente, o alcalde de Ares utiliza a documentación técnica proporcionada pola Xunta no marco dese estudo e colaboración para buscar a confrontación inxustificada con outras administracións e eludir toda responsabilidade.

O Concello de Ares cóbralles aos seus veciños polo servizo de abastecemento e ten, polo tanto, o deber de garantilo e manter, ademais, as redes municipais no estado axeitado para evitar fugas e aproveitar ao máximo a auga.

Ademais o Concello cobra unha taxa de saneamento inxustificada, pois é a Xunta quen está a realizar ese servizo de saneamento e depuración das augas residuais do municipio.

Desde a súa implantación, o Goberno galega recadou menos de 500.000 euros en total polo canon da auga neste municipio, unha cantidade expoñencialmente inferior aos investimentos realizados.

O Concello de Ares ten o deber de destinar o diñeiro que recada aos veciños en concepto de abastecemento a garantir o subministro de auga á poboación e ao correcto mantemento das redes.

17 de xullo de 2019 | 14:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.