publicidade hoxe

A Xunta duplica o orzamento do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que establece as bases do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino, que este ano duplica o orzamento do ano anterior grazas a un investimento de 1,7 millóns de euros, fronte aos algo máis de 850.000 que se destinaron a este fin en 2018.

O obxectivo desta iniciativa é apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.

O programa Emega inclúe catro liñas específicas: a ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; ‘Innova’, para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; ‘Activa’, para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización dirixidas a paliar unha situación económica adversa; e ‘ITEF’, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

A maiores, establece unha liña de axudas complementarias, a ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

O prazo de presentación de solicitudes comezará mañá e rematará o 5 de agosto.

Contía das axudas

A contía das axudas dependerá da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, tanto por conta propia como por conta allea. Así na ‘Emprende’ irán de 8.000 a 20.000 euros; na ‘Innova’, de 12.000 a 20.000; na ‘Activa’, de 6.000 a 15.000; e na ‘ITEF’, de 16.000 a 40.000.

No caso das axudas complementarias á conciliación, os incentivos irán dos 3.000 euros para as promotoras que teñan fillos/as menores de tres anos; ata os 5.000 euros, cando as actividades de conciliación estean dirixidas ás traballadoras por conta allea.

5 de xullo de 2019 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.