publicidade hoxe

A Xunta destaca en Narón a importancia de impulsar o retorno e a atracción de profesionais altamente cualificados cara a I+D+i galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNarón
A-
A+

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou na súa visita á start up Ártabro Tech en Narón a importancia de recuperar e atraer para o sistema galego de innovación talento investigador cunha traxectoria consolidada, así como estimular a demanda deste tipo de profesionais tanto no sector público como privado. A empresa naronesa é unha das oito entidades que se están a beneficiar do programa Talento Sénior da Xunta, que impulsa a contratación de persoal altamente cualificado para desenvolver proxectos de investigación e innovación en empresas, organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos.

Argerey destacou o exemplo de Ártabro Tech, unha empresa de perfil altamente tecnolóxico e de recente constitución que conseguiu incorporar un doutor en Física, con experiencia no laboratorio americano de física de partículas Fermilab e na Organización Europea para a Física Nuclear CERN. Ártabro Tech está orientada ao desenvolvemento de solucións de Industria 4.0 no ámbito do Big Data, o Machine Learning e a Intelixencia Artificial e ten traballado para grandes empresas como FINSA, Losán ou o grupo Tojeiro.

A directora de Gain lembrou que a convocatoria deste ano de Talento Sénior permanece aberta ata o vindeiro 11 de agosto, co obxectivo de incentivar a contratación de 14 profesionais con máis de cinco anos de experiencia na área da I+D+i.

Os incentivos á contratación varían en función da retribución bruta dos contratos, que deben ter unha duración mínima de tres anos, e primarase o retorno de profesionais a Galicia, a contratación indefinida e a incorporación de mulleres.

A través da edición de 2018, 10 profesionais de alta cualificación incorporáronse a seis empresas e dous centros tecnolóxicos e de apoio á innovación e seguen a desenvolver actualmente o seu traballo en sectores como as TIC, a automoción, o aeronáutico, a Industria 4.0, o lácteo, a pesca ou os servizos de enxeñaría.

A Xunta prevé mobilizar 46,8 millóns de euros a través de diversas iniciativas vencelladas á xeración, captación e retorno de talento a Galicia, con programas como o Oportunius, centrado en captar investigadores excelentes ERC; o programa Principia, que ten permitido a incorporación de 362 profesionais menores de 35 anos en 158 entidades; ou o programa Ignicia Proba de Concepto para levar os resultados da investigación ao mercado, que ten permitido crear ou manter 109 empregos cualificados.

5 de xullo de 2019 | 14:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.