publicidade hoxe

A Xunta apoia con 90.000 euros os esforzos de internacionalización do CRDOP dos Viños da Ribeira Sacra e da Asociación de Adegueiros e Transformadores do Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLugoOurensePortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con máis de 90.000 euros os esforzos que en materia de internacionalización e promoción exterior que desenvolven o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra e a Asociación de Adegueiros e Transformadores do Miño.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que ambas entidades son beneficiarias do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co que o Goberno galego, a través do Igape, busca incrementar as alianzas comerciais das empresas galegas no exterior e ampliar as posibilidades de novos investimentos e acordos empresariais para a promoción dos seus produtos.

Ambos apoios, que están a desenvolverse nas anualidades 2019 e 2020, enmárcanse nun dos sectores estratéxicos da economía lucense, a produción vitícola que, nos últimos anos, pola calidade dos seus viños e augardentes e o maior eco que están a atopar entre os consumidores internacionais, representan un dos ámbitos con maior capacidade e potencial exportador e, polo tanto, este apoio contribúe a dar a coñecer os caldos producidos na nosa provincia en todo o mundo.

CRDOP Ribeira Sacra

Polo que respecta ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra recibe unha achega de 14.800 euros, o 80% do investimento total previsto. A finalidade é dar a coñecer os produtos e as posibilidades das adegas que levan este selo coa meta última de acadar novas oportunidades de negocio e intercambio comercial que permitan a expansión exterior dos seus produtores.

Os viños que se cultivan baixo o amparo da denominación de orixe Ribeira Sacra gustan cada vez máis no estranxeiro. O pasado ano as exportacións creceron un 16% superando os 200.000 litros. O principal mercado é Estados Unidos, pero Finlandia, Rusia, Irlanda e China sitúanse como mercados emerxentes para as adegas da zona.

Adegueiros e transformadores do Miño

A Asociación de Adegueiros e Transformadores do Miño, con sede en Chantada, recibe unha axuda de 75.400 euros, o 80% do investimento total previsto. Esta entidade organizou con gran éxito, por exemplo as Xornadas de Internacionalización Galicia–Colombia destinadas a establecer contactos con importadores, medios de comunicación, distribuidores e outros empresas e institucións relacionadas co campo da viticultura, os augardentes, e a elaboración de galletas ecolóxicas (que son os tres principais produtos todos estes elaborados pola devandita Asociación).

O programa Galicia Exporta Organismos Intermedios é complementario ao Galicia Exporta Empresas, posto en marcha tamén ao abeiro da Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020, e do que proximamente se fará pública a resolución das axudas da súa última convocatoria.

29 de xullo de 2019 | 14:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.