publicidade hoxe

A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas para a creación de 15 novas Casas Niño no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia abre maña e durante un mes o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á nova convocatoria de axudas para a posta en marcha de 15 novas Casas Niño no rural, iniciativa que forma parte do Programa de apoio á natalidade da Consellería de Política Social. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a orde que regula a concesión destas axudas.

As Casas Niño son un recurso gratuíto para as familias destinado a atención de nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade nos concellos de menos de 5000 habitantes nos que non exista ningún outro servizo de atención continuada á infancia de 0 a 3 anos. Esta convocatoria, a cuarta que habilita a Administración autonómica para subvencionar estes recursos, está dotada de 1,1 millóns de euros.

A día de hoxe estanse a subvencionar xa 61 destes equipamentos, o que supón a dotación de 305 prazas de atención á infancia no rural galego. Esta cifra poderá chegar ata as 76, cun total de 380 prazas, coa nova convocatoria que hoxe sae adiante.

O programa de Casas Niño deste ano conta con importantes novidades con respecto ao anterior. A principal é o incremento da contía do anticipo por atención educativa que reciben as persoas promotoras do recurso no primeiro ano, que pasa do 35% ao 100% da subvención que lles corresponda. Para as sucesivas anualidades, o anticipo sube do 35% ao 75% para todas as Casas Niño, tanto as de nova creación como as que xa están en marcha.

Ademais, de acordo co criterio que se comezará a aplicar a partir do curso que vén nas escolas infantís públicas, todas as nenas e nenos que acoden ás Casas Niño deberán ter as vacinas ao día. E unha terceira novidade desta convocatoria é que no caso de que a demanda de prazas supere a oferta –cada unha delas pode atender a un máximo de cinco nenas e nenos- teranse en conta as circunstancias laborais, académicas e a situación familiar do fogar, primando as familias monoparentais e as numerosas.

29 de xullo de 2019 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.