publicidade hoxe

A uva merenzao xa forma parte das variedades da Indicación Xeográfica Protexida do viño de Barbanza e Iria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se adoptan unha serie de cambios relacionados co prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida do viño de Barbanza e Iria. Entre as modificación destaca a incorporación da uva merenzao ás variedades tintas. Ademais, tamén aumenta o rendemento máximo por hectárea permitido para as variedades brancas e os límites máximos de dous parámetros analíticos, en concreto a acidez volátil e o contido en anhídrido sulfuroso.

Estes cambios, que foron solicitados no seu momento polas asociacións de viticultores e elaboradores de viño da IXP, formalízanse despois de terse feito públicos e non ter recibido ningunha alegación ao respecto. As modificacións quedarán recollidas no rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas da Unión Europea unha vez que, tras esta publicación no DOG, se remita o expediente a Bruxelas.

As causas que motivaron os cambios están relacionadas coa adaptación da IXP ás circunstancias actuais. Polo que respecta á inclusión da variedade merenzao, trátase dunha variedade presente na zona aínda que en cantidades pequenas. É unha uva de cultivo tradicional en Galicia e ao tratarse dunha variedade de ciclo curto adáptase ben ao medio natural desta indicación xeográfica, onde madura de maneira axeitada lográndose mostos de gran calidade.

En canto ao rendemento por hectárea, pasa de 10.000 a 12.000 kg para as variedades brancas, xa que a experiencia dos últimos anos demostra que as parcelas son capaces de proporcionar rendementos superiores aos agora admitidos, sen diminución da calidade do viño obtido. No que se refire á acidez volátil e ao contido de sulfuroso, no prego de condicións anterior establecíanse uns límites demasiado restritivos para estes dous parámetros, que deixaban fóra produtos con adecuadas características organolépticas e que responden á tipicidade dos viños de Barbanza e Iria.

Isto unido a que nos últimos anos se están a comercializar cada vez máis viños desta indicación xeográfica cun maior envellecemento e que, polo tanto, están durante moito máis tempo expostos a riscos oxidativos, foi o que motivou que se decidise aumentar os máximos establecidos para os citados parámetros. Deste xeito, viños con axeitadas calidades organolépticas e que cumpren co límite legal máximo de acidez volátil e de contido en sulfuroso, pasan a poder estar baixo o amparo da IXP.

24 de xullo de 2019 | 14:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.