publicidade hoxe

A campaña de sensibilización para atallar o `furtivismo de bañador´ chega en xullo a 14 areais de Pontevedra

A Consellería do Mar vén de poñer en marcha o pasado mércores a campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, que ten como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a ilegalidade que supón extraer marisco sen permiso de explotación e que se prolongará ata o 31 de agosto. Esta iniciativa desenvolverase nas 45 praias galegas con máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira e centrarase este mes na provincia de Pontevedra coa visita a 14 areais.

Entre o pasado mércores e o próximo martes a campaña está presente en distintas praias da Illa de Arousa mentres que nos seguintes días estará en areais dos concellos de Sanxenxo, O Grove, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Poio, con accións de concienciación tanto en horario de mañá como de tarde. No mes de agosto está prevista a súa chegada a outros 31 areais das tres provincias costeiras galegas.

Esta iniciativa de sensibilización dá continuidade á realizada o verán pasado e chegará a 45 areais de 35 concellos, o que supón incrementar a súa incidencia pois en 2018 estivo presente en 35 praias de 21 concellos. O obxectivo é seguir concienciando á cidadanía sobre a importancia do sector marisqueiro na comunidade e da ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.

A campaña busca implicar a todas as partes na loita contra a problemática do furtivismo de bañador mediante a posta en valor do labor dos mariscadores e mariscadoras e o chamamento á responsabilidade de cada bañista. A este traballo de concienciación súmase o que desenvolve o Servizo de Gardacostas de Galicia cos corpos e forzas de seguridade do Estado, que cada verán realizan unha media de máis de 500 inspeccións nas praias galegas que se chegan a saldar cunha media de arredor dunha tonelada de marisco comisado.

O furtivismo é un problema socioeconómico, xa que afecta aos mariscadores profesionais que teñen permiso de explotación, sementan o marisco, limpan as praias e pagan uns impostos, pero tamén un problema medioambiental -porque supón un prexuízo para o ecosistema- e de saúde, pois pode supor un risco para quen consume produto extraído e comercializado de xeito ilegal ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.

A campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear engádese a outras accións de sensibilización da Consellería do Mar como o proxecto piloto desenvolvido no 2016, que consistiu na entrega de 5.000 paipais en diversas confrarías da provincia de Pontevedra con mensaxes de concienciación. Outra é a aplicación móbil Non piques, non peques, que leva preto de 12.000 descargas nas distintas plataformas móbil e que contén información sobre a época óptima de consumo de produtos do mar.

A campaña

As accións que inclúe a iniciativa consisten nunha dinámica de xogo educativo que pretende amosar o traballo que hai arredor do marisqueo e dos profesionais desta actividade. Nelas explícanse aspectos sobre as especies autóctonas de marisco, a importancia de respectar o traballo dos profesionais do marisqueo e a dureza deste labor. Tamén se expoñen diferentes labores que realizan as mariscadoras e os mariscadores como as sementeiras e a limpeza e cuestións sobre os talles mínimos. A gastronomía, a seguridade alimentaria e a rastrexabilidade tamén se abordan de xeito ameno e práctico nas actividades da campaña.

19 de xullo de 2019 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.