publicidade hoxe

Xunta e Obra Social de Abanca presentan a proposta gañadora do concurso de ideas do Plan Como na casa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Fabiola García na presentación

Fabiola García na presentación

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, fixeron entrega esta mañá na Sede Afundación de Santiago de Compostela dos premios dos tres proxectos finalistas do concurso de ideas do Plan Como na casa, resultado da colaboración entre a Xunta de Galicia, ABANCA e Afundación, que permitirá a posta en marcha de sete novas residencias nas sete cidades galegas.

Os membros do xurado escolleron como gañadora, entre as doce propostas que concorreron ao concurso, a solución presentada por Elsa Urquijo Arquitectos. No seu fallo valoraron especialmente “a arquitectura neutra e sinxela da proposta, que alcanza unha imaxe moi adecuada ao uso previsto, que transmite serenidade e claridade”. Subliñan, así mesmo, “a composición en planta moi ordenada, sinxela e intuitiva, cun esquema de funcionamento que articula satisfactoriamente as comunicacións verticais e horizontais”.

Esta proposta servirá de base para a redacción dos anteproxectos a partir dos que se elaborarán os proxectos das sete novas residencias nas sete grandes cidades de Galicia. Estes anteproxectos financiaraos a Obra Social de ABANCA con 200.000 euros.

Ademais da proposta gañadora, o equipo Abalo Alonso Arquitectos, encabezado por Elisabeth Abalo Díaz, foi distinguido cun segundo premio e Castroferro Arquitectos, liderado por Jordi Castro Andrade, resultou clasificado en terceiro lugar. As tres propostas recibiron os seus galardóns valorados en 9000, 6000 e 5000 euros, respectivamente.

Colaboración entre Xunta e Afundación

A conselleira de Política Social destacou o talento “máis que contrastado” dos arquitectos galegos e ratificou a confianza da Administración autonómica no traballo destes profesionais “para conseguir que as residencias e outros centros de benestar combinen funcionalidade e estética”.

Pola súa banda, o director xerente de Afundación subliñou que “as persoas maiores son un dos colectivos prioritarios para ABANCA e a súa Obra Social e entendemos que unha adecuada atención, centrada na persoa, de quen é máis vulnerable é esencial para garantir o seu benestar, polo que ambas as dúas entidades sumamos forzas coa Xunta de Galicia para poñer en marcha o Plan Como na casa”.

Plan Como na casa

O Plan Como na casa mellorará os equipamentos para maiores nas principais zonas urbanas da comunidade, dotándoas de 900 novas prazas de atención á dependencia: 150 en Vigo e na Coruña, e 120 en Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol. Para dotalas do persoal necesario, prevese a creación duns 500 empregos. Contémplase un investimento total de 66 millóns de euros, cuxa primeira partida xa está consignada nos Orzamentos de 2019.

As residencias contarán cun deseño moderno e integrarán os avances arquitectónicos e tecnolóxicos centrados en favorecer a calidade de vida das persoas maiores. Entre as novidades, por exemplo, contarán con unidades psicoxeriátricas para o tratamento das usuarias e usuarios con doenzas mentais.

5 de xuño de 2019 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.