publicidade hoxe

Un total de 12.600 estudantes participaron nas charlas divulgativas que ofrece o persoal do servizo de prevención de incendios forestais da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería do Medio Rural aposta por concienciar aos máis novos no coidado do monte e na prevención de incendios forestais mediante charlas divulgativas e visitas a distintas bases de helicópteros. Así, este ano participaron nestas xornadas un total de 12.600 estudantes de educación infantil, primaria e secundaria de toda Galicia.

Estas charlas son coordinadas e impartidas por bombeiros forestais, axentes e técnicos da Consellería do Medio Rural dos dezanove distritos forestais nos que se estrutura a nosa comunidade. Así, aos colexios adoita ir un axente ou un técnico, acompañado dunha brigada e dun vehículo motobomba para facer algunha demostración e deixar interactuar ao alumnado cos medios e equipos.

Estas charlas versan sobre temas diversos de prevención, extinción e investigación de incendios forestais, así como sobre aspectos relacionados coa conservación da natureza e coas características dos nosos montes. O obxectivo destas accións divulgativas é concienciar á sociedade, desde os máis cativos, sobre a importancia de velar polo noso patrimonio forestal.

No tocante a este tipo de actividades, foron un total de 10.312 rapaces os que participaron a través de 185 charlas. Por provincias, desenvolvéronse 48 charlas na Coruña con 2.960 alumnos, 40 charlas en Lugo con 2.601 nenos, 37 na provincia de Ourense con 1.620 rapaces e 60 na de Pontevedra con 3.131 nenos.

Ademais destas accións, a consellería tamén organiza unha serie de visitas ás bases de helicópteros, onde se lles explica aos rapaces o embarque na aeronave, o despregue do bamby (depósito de auga), normas de seguridade e actuacións diversas cos helicópteros. Aquí participaron un total de 2.288 alumnos a través de 44 visitas.

Todas estas charlas súmanse ás desenvolvidas ao longo dos anos 2018 e 2017. Ademais, Medio Rural leva a cabo tamén accións divulgativas e plantacións simbólicas de árbores aproveitando a celebración, cada 21 de marzo, do Día Mundial dos Bosques.

25 de xuño de 2019 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.