publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Preto do 70% das accións a curto prazo do novo Plan de Atención Primaria do Sergas están xa funcionando

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Preto do 70% das medidas a curto prazo contempladas no novo Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 do Sergas están xa funcionando ou comenzaron a súa implantación. Estas accións a curto prazo, a desenvolver no prazo de seis meses (ata finais de ano), representan o 40% do total das 200 accións comprometidas no documento aprobado o pasado 16 de maio no Consello da Xunta, polo que o grao de cumprimento do Sergas é moi positivo.

Ente as medidas máis significativas que xa comenzaron a súa implantación, ao obxecto de xerar un marco profesional estable, destaca a convocatoria da OPE de 2019, con 528 prazas nas categorías específicas no ámbito da atención primaria e 1.492 no total das categorías a convocar. Tamén acordouse incrementar a dotación de 331 novas prazas en distintas categorías de atención primaria (80 de médicos de familia, 20 de pediatras e 130 de persoal de enfermería de atención primaria, entre outras). Deste total, 52 son prazas previstas para este ano. E aprobouse o nomeamento estatutario eventual de continuidade no ámbito do Servizo Galego de Saúde, acordado en mesa sectorial cos sindicatos CESM-Omega, Satse, CSIF e UGT.

O Sergas tamén fixo un importante esforzo en equipamentos e infraestruturas para os centros de saúde. Neste senso, aprobouse no marco do novo Plan de Atención Primaria, un plan de equipamento dotado cun orzamento de preto de 80 millóns de euros para tres anos. Do total, 30 millóns destinaranse este ano a actuacións de investimento no ámbito do primeiro nivel asistencial (equipamento, obras, reformas, TIC).

Cómpre subliñar que o novo Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, aprobado o pasado mes de maio, conta cun orzamento superior aos 102 millóns de euros para tres anos. O documento recolle un total de 200 accións a desenvolver a curto, medio e longo prazo, definidas en 7 liñas estratéxicas e 52 obxectivos concretos coa finalidade de reformular o modelo de atención primaria en Galicia.

A Consellería de Sanidade apostou por construír o novo modelo de atención primaria a través do diálogo e a colaboración entres administracións, profesionais e cidadanía. Así, 123 profesionais de todas as categorías elaboraron unhas 525 propostas entre xaneiro e febreiro pasado. Tamén se tiveron en conta as achegas por parte dos 270 profesionais a través das caixas de correo electrónico e as propostas das asociacións de pacientes, sindicatos, sociedades científicas e dos colexios profesionais e do Consello Asesor de Sanidade e o de Pacientes. O plan tamén recolle as achegas da cidadanía a través das máis de 4.500 enquisas telemáticas da plataforma É-Saúde. Ademais, o departamento autonómico sanitario abordou a mellora de primaria coa FEGAMP, e as consellerías de Educación e Política Social.

Ao mesmo tempo constituíse un Consello Técnico de Atención Primaria, tamén contemplado no plan, no que forman parte colexios profesionais, sociedades científicas, asociacións profesionais e sindicatos, co obxecto de posibilitar a participación directa de todas as entidades implicadas no eido do primeiro nivel asistencial. E hai uns días este Consello Técnico acordaba a creación de 15 comisións sectoriais que traballarán no proceso de reforma da atención primaria.

Todas estas accións poñen de manifesto que Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que está facendo realmente un traballo profundo no eido da atención primaria, cun plan recentemente aprobado e dotado de orzamento, e en constante diálogo con todos os axentes implicados (sindicatos, colexios profesionais, sociedades científicas e cidadanía).

Media de tarxetas sanitarias asignadas
A media de tarxetas sanitarias (TIS) asignadas en Galicia a cada médico de atención primaria (1.275) é inferior á media nacional (1.357). Estes datos relativos a 2017, sitúan a Galicia como a sexta autonomía con mellor ratio de tarxetas. A media galega tamén está por debaixo da ratio óptima médico/paciente recomendada polos colexios médicos e as sociedades científicas, que é de de 1.300 e non debe superar os 1.500.

Neste senso, subliñar que as TIS por médico de familia no Sergas descendeu de 1.347 en 2008 a 1.275 no ano 2017. E o número de consultas médicas en atención primaria experimentou unha diminución dun 13,3%, pasando de 18.200.163 en 2008 a 15.772.676 en 2018.

19 de xuño de 2019 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.