publicidade hoxe

Os concellos do Salnés beneficiaranse dunha axuda de case 107.000 euros que permitirá a contratación de 35 socorristas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPortada dereita
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Economía e Industria aportará case 107.000 euros co obxectivo de que seis concellos da comarca do Salnés poidan contratar durante os meses de xullo e agosto a un total de 35 socorristas.

Os concellos beneficiarios serán O Grove, Sanxenxo, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Meaño e Ribadumia. Na provincia de Pontevedra serán 133 os socorristas contratados, cunha axuda de 400.805 euros e 35 concellos beneficiados, así como a Mancomunidade do Val Miñor.

Tal e como explicou o delegado territorial, a Xunta convoca cada ano unha orde de axudas para apoiar aos concellos na contratación de socorristas. “Pero é preciso lembrar que a contratación de socorristas para praias e piscinas non é competencia autonómica. Son os propios concellos os que realizan directamente estes contratos”.

Tamén compre recordar, segundo explicou o delegado territorial, que Galicia foi a primeira autonomía en poñer en marcha probas de acreditación para socorristas en todo o territorio nacional.

“Os concellos galegos contan con subvencións da Xunta de Galicia para a contratación destes profesionais. Sen embargo, non se cubre a oferta de prazas, salvo en determinados concellos, inda que na actualidade hai case 5.260 persoas inscritas no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, o que os habilita para poder traballar nas nosas praias e piscinas este verán”, explicou Cores Tourís

Recordou o delegado territorial que, neste senso, a Xunta está a traballar coa Fegamp para paliar a escaseza de socorristas para a tempada de verán, con medidas como facilitar a acreditación a determinados colectivos, como os que estudan Tafad ou Inef ou mesmo crear novas figuras de auxiliares, como sucede coa Policía Local, para complementar o traballo que levan a cabo os socorristas. Ademais, tamén se quere poñer en marcha unha bolsa centralizada de selección de socorristas na Academia Galega de Seguridade Pública, como se está facendo na actualidade cos secretarios, interventores e teusoreiros das entidades locais e coas policías locais de Galicia.

Empregabilidade e bandeiras azuis

“Coa axuda que permite aos concellos contratar persoal para a vixilancia das praias, ofrécese tamén ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo”, engadiu o delegado territorial, quen matizou que o obxectivo é apoiar á Administración local na dinamización da súa economía e seguir contribuíndo a mellorar a inserción laboral no territorio galego.

Esta acción forma parte da Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está impulsando a calidade no mercado de traballo e coa que se está contribuíndo á redución do paro en Galicia e á creación de emprego.

“Os socorristas son unha ferramenta máis para garantir a calidade dos nosos areais, que veñen abaladas pola consecución de bandeiras azuis, 55 na provincia de Pontevedra”, segundo apuntou José Manuel Cores Tourís. Galicia recibiu 156 bandeiras azuis: en 107 areais galegos; 12 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 22 sendeiros azuis.

“Galicia é a 2ª comunidade de España con máis bandeiras azuis”, asegurou, destacando tamén o papel fundamental que xogan os concellos neste eido. Non en van, recordou que este evento celebrouse no concello con máis bandeiras azuis nas súas praias de toda España: Sanxenxo, que conta con 18 distincións.

27 de xuño de 2019 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.