publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O programa Son Voluntario/a arranca no festival O Son do Camiño con 36 prazas

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pon en marcha o novo programa Son Voluntario/a con 36 prazas para o festival O Son do Camiño, que terá lugar a semana que vén en Santiago de Compostela, tal e como se concretou nun encontro cos responsables da organización do evento. Esta será a primeira experiencia desta iniciativa que ten como finalidade promover a acción voluntaria entre a mocidade e dar a coñecer os seus beneficios.

Son Voluntario/a está destinado aos festivais de música de Galicia nos que as mozas e mozos participantes realizarán diferentes tarefas e vivirán a experiencia do festival desde dentro, creando así unha comunidade voluntaria en cada evento. Neste caso, ademais de participar nos festivais adheridos á Asociación Empresarial Festivais de Galicia, o programa tamén se amplía a O Son do Camiño.

As voluntarias e voluntarios realizarán diferentes tarefas como ofrecer información de interese sobre os servizos que ofrece este evento musical, facilitar a circulación das persoas dentro do recinto e realizar, de ser o caso, actividades de sensibilización medioambiental. Estarán coordinados por persoal da Rede galega de dinamización xuvenil, en colaboración cos organizadores do evento, e terán como referencia un punto de encontro no mesmo festival.

Tres horas máximo

Cómpre destacar que os participantes colaborarán un máximo de tres horas durante o festival. Así, para o Son do Camiño, dispoñeranse un total de nove quendas, tres por cada día que dura o evento. Cada quenda estará cuberta por catro voluntarios. Os horarios das mesmas serán de 16.00 horas a 19.00 horas, a primeira; de 19.00 a 22.00 horas, a segunda; e de 22:00 horas a 1.00 horas, a terceira. En definitiva, ofértanse un total de 36 prazas.

As mozas e mozos voluntarios recibirán un bono de acceso a O Son do Camiño, facilitado polos organizadores, así como un certificado de experiencias voluntarias expedido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Ademais, contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil, que correrá por conta da devandita Dirección Xeral.

Curso de formación

Os participantes deberán ter unha idade entre 18 e 30 anos e terán que estar empadroados nalgún concello de Galicia. Previamente, todas as persoas seleccionadas deberán superar un curso básico sobre voluntariado que estará dispoñible na páxina web de voluntariado galego. A maiores, terán que asistir a unha reunión previa á celebración do festival para establecer todas as cuestión de organización, solucionar dúbidas e repartir as identificacións necesarias.

Aqueles que queiran participar na primeira experiencia deste programa, que terá lugar no Son do Camiño, poden xa inscribirse no formulario disposto na páxina web anteriormente citada.

5 de xuño de 2019 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.