publicidade hoxe

O Plan de atención a persoas sen fogar de Galicia habilitará unha bolsa de 100 vivendas para facilitar a inserción deste colectivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, informou hoxe en comisión parlamentaria de que se habilitará unha bolsa de 100 pisos para persoas que estean en situación de rúa ou sen vivenda. Esta é unha das 111 medidas concretas recollidas no Plan de atención a persoas sen fogar 2019-2023 que se prevé aprobar nas vindeiras semanas en Consello da Xunta.

Parrado detallou que desta bolsa de vivendas, 30 utilizaranse seguindo a metodoloxía do housing first, que centra no acceso á vivenda o punto de partida da integración social da persoa. As outras 70 formarán parte dunha rede de vivendas de inserción cuxo acceso estará vinculado á participación en proxectos de inclusión sociolaboral.

Así mesmo, explicou que o centenar de iniciativas do Plan estrutúranse en seis liñas estratéxicas, que son: prevención; protección e reconstrución do proxecto vital; adaptación dos recursos e mellora dos servizos xa dispoñibles; enfoque inclusivo da vivenda; sensibilización, loita contra a discriminación e os delitos de odio; e coñecemento, innovación e colaboración. Ademais, ponse o aceno en prestar unha atención integral e personalizada, con intervencións adaptadas á realidade de cada caso.

O director xeral destacou que nos obxectivos e medidas do plan se incorporaron as propostas e consideracións que achegaron as entidades e profesionais que traballan nesta materia, así como as conclusións do estudo de campo sobre a situación do senfogarismo en Galicia realizado pola Cruz Vermella en 2017.

Parrado valorou o carácter participativo que ten o plan, e lembrou que o pasado 7 de maio unha trintena de institucións e organizacións, entre persoal da Xunta, dos concellos e representantes de entidades, participaron nun seminario de consulta no que se avanzou nas liñas estratéxicas do mesmo.

13 de xuño de 2019 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.