publicidade hoxe

O Goberno galego autoriza a declaración como proxecto empresarial singular para a instalación de Estrella Galicia no parque empresarial de Morás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, na rolda de prensa do Consello, da autorización da declaración como proxecto empresarial singular para a instalación de Estrella Galicia no parque empresarial de Morás, emprazado no concello de Arteixo.

Segundo explicou o presidente da Xunta, este novo paso permite a adxudicación directa dunha parcela que dispón de 466.000 m2 –a maior adxudicación de solo empresarial realizada a favor dunha única empresa pola comunidade autónoma na súa historia– logo de que a empresa Hijos de Rivera presentara o 22 de maio a memoria do proxecto.

Durante a súa intervención, Feijóo recordou que Estrella Galicia decidiu instalar esta nova fábrica de cervexas de última xeración neste parque empresarial pola dispoñibilidade de solo e pola localización estratéxica de Morás: a súa proximidade co Porto Exterior e as principais vías de comunicación por estrada e a súa proximidade co encoro de Cecebre. Con respecto á venda, sinalou que ascende aos 26,9 M€, despois de aplicar a bonificación do 30% que lle corresponde a este parque empresarial.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta tamén lembrou que esta adxudicación se produce logo de que a Xunta, Hijos de Rivera e o Concello de Arteixo asinaran un protocolo de actuacións. O dito protocolo establecía que a empresa solicitaría a reserva do solo e a declaración de proxecto empresarial, cousa que fixo, e posteriormente que o consello de administración de Xestur remitiría a solicitude ao Consello Xunta para a súa aprobación, o que aconteceu hoxe, remarcou.

Na mesma liña, Feijóo subliñou que o parque empresarial de Morás ten xa adxudicada a meirande parte do solo dispoñible, o 68%. Ademais da parcela de Estrella Galicia, preto de 106.000 m2 foron adxudicados a Aluman e máis de 77.000 m2 a empresas que eran propietarias dos terreos.

Finalmente, o presidente da Xunta salientou o compromiso de Estrella Galicia coa nosa Comunidade, que se ratifica para as próximas décadas a través desta nova fábrica de cervexas de última xeración que pretende deseñar, construír e poñer en marcha no polígono de Morás. En concreto, o investimento de Estrella Galicia para esta nova fábrica ascende aos 144 M€.

27 de xuño de 2019 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.