publicidade hoxe

O DOG publica a convocatoria de 158 prazas para os corpos de policía local de 28 concellos galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 158 prazas para os corpos de Policía Local de 28 concellos galegos. Trátase da segunda convocatoria unificada que pon en marcha a Xunta. A primeira convocouse o pasado ano con 38 persoas para 23 concellos.

O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles. A convocatoria do DOG establece os requisitos necesarios para poder inscribirse, entre os que se inclúen criterios como a formación e estatura mínima, ou os permisos de condución.

A convocatoria que se publica hoxe diferencia entre prazas por oposición libre (132) e por concurso (26), destinadas estas últimas aos policías xa en exercicio que cambian de concello.

A oposición contará con 5 exercicios: un test de coñecemento sobre o temario publicado, proba de coñecementos do idioma galego, probas físicas, psicotécnicas e recoñecemento médico.

Está previsto que este novo proceso estea rematado a finais deste ano e, a continuación, comezará o curso selectivo, tamén na AGASP.

Os concellos que convocan prazas nesta convocatoria son: A Coruña, A Guarda, Bueu, Cangas, Fene, Ferrol, Fisterra, Gondomar, Lugo, Marín, Moaña, Mugardos, Narón, O Grove, Ortigueira, Ponteareas, Pontedeume, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela, Valdoviño, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Viveiro e Xinzo de Limia.

Proceso de selección unitario

A finais do ano 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente, decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. O obxectivo desta iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota ao proceso de maior transparencia e axilidade. Ademais, a confección de listas única facilita tamén a contratación.

Así, o ano pasado foi a primeira vez que se levaron á práctica estes procesos unitarios, cun alto grao de satisfacción. Entre maio e xuño de 2018 celebráronse as primeiras probas de auxiliares, con 109 prazas ofertadas. En novembro de 2018 comezou o primeiro proceso de selección para a categoría de policía local, con 38 prazas.
En abril deste ano convocouse a segunda convocatoria para auxiliares, con 155 prazas. O proceso rematou este mesmo mes de xuño coa adxudicación de postos. Agora, coa convocatoria publicada hoxe no DOG, dáse comezo á segunda convocatoria para cubrir postos de policías.

A día de hoxe xa son 70 os concellos que delegaron na Xunta de Galicia a selección do seu persoal de policía local.

19 de xuño de 2019 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.