publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente ofrece seis pases diarios a cada concesionario de Ons e estende aos seus irmáns o dereito ao carné de acceso libre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal PortadaPontevedraPortada esquerda
A-
A+

Os concesionarios dalgunha vivenda en Ons poderán dispoñer dun total de seis pases diarios á súa disposición para autorizar o acceso á illa a outras tantas persoas, con independencia de que sexan familiares directos ou non. Así o comunicou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a xuntanza que mantivo en Pontevedra co alcalde de Bueu, Félix Juncal, voceiros dos grupos municipais do Concello e representantes das asociacións veciñais para concretar, definitivamente, os criterios que aplicará a Xunta á hora de regular o acceso á illa por parte de concesionarios, familiares e achegados.

Neste sentido, do Campo reiterou que todos os titulares dunha concesión en Ons así como os seus familiares ata cuarto grao (é dicir, tataranetos e tataravós incluídos) poderán acceder á illa, libremente e á marxe do cupo xeral que se aplica desde este ano, grazas a un carné expedido pola Consellería co fin de facilitarlles o acceso.

A directora, que estivo acompañada na reunión pola secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, e outros representantes da Consellería, trasladoulles tamén que o dereito a solicitar estes carnés estenderase aos irmáns dos titulares das concesións, confirmando así un compromiso que xa asumira estudar cos representantes veciñais de Ons nun dos seus primeiros encontros.

A proposta da Xunta de asignar a cada concesionario seis pases diarios responde a unha petición que lle trasladaron veciños e corporación municipal na reunión celebrada hai un mes. Durante a mesma, propuxéronlle á directora a posibilidade de que os titulares de vivendas en Ons puideran ter á súa disposición certo número de autorizacións de acceso á illa coas que cubrir as posibles pernoctas ou visitas ás súas casas de persoas coas que non teñan parentesco directo.

Para atender esta demanda, do Campo explicou que a cada concesionario dunha vivenda vinculada a uso residencial daráselle unha clave persoal de acceso á web para a reserva de autorizacións coa que poderá solicitar ata seis pases diarios para outras tantas persoas. A solicitude terá que facela o titular da concesión e as autorizacións concedidas incluirán tamén a posibilidade de pasar a noite na illa.

A proposta da Consellería de Medio Ambiente respecto da asignación destes pases diarios aos concesionarios de vivendas residenciais na illa foi valorada positivamente polos representantes políticos e veciñais que asistiron á reunión.

Regulación respectuosa co entorno e a seguridade

Durante a reunión, a directora xeral de Patrimonio Natural insistiu unha vez máis en que calquera dereito de acceso deberá respectar os informes técnicos que sinalan cal é a capacidade máxima que pode soportar este enclave natural, sen que se poñan en perigo os seus valores paisaxísticos e ambientais. Con esa premisa, fíxose esta nova proposta relativa á regulación dos accesos a Ons para veciños e familiares, que, segundo recalcou do Campo, respecta a carga máxima diaria que pode soportar a illa, preservando os seus elementos naturais e garantindo tamén a seguridade das persoas presentes na mesma.

Por outra banda, Belén do Campo comprometeuse a que a final de ano e unha vez rematada a tempada estival (período de máxima afluencia ao parque), a Consellería convocará á corporación e aos representantes veciñais a unha nova reunión para facer unha avaliación de como funcionou na práctica o sistema de acceso a Ons para os concesionarios, familiares e achegados, co fin de verificar se, efectivamente, o sistema de carnés e a asignación de seis pases diarios a cada titular cubre ben as necesidades.

Con esta nova xuntanza, a Consellería de Medio Ambiente agarda dar un paso definitivo de cara a concretar o sistema de acceso que regulará de agora en adiante as entradas e saídas da illa de Ons no caso das persoas con dereitos de concesión e tamén dos seus familiares.

Os veciños, excluídos do cupo xeral polo PRUX

Ons é un dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o único parque nacional existente na comunidade e unha zona de excepcional riqueza desde o punto de vista medioambiental e da biodiversidade.

O Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) deste espazo natural, en vigor desde febreiro, contempla explicitamente que os veciños das illas que o integran quedan excluídos do cupo límite de visitantes diarios establecido no propio texto e que se empezou a aplicar en Ons de forma obrigatoria desde hai catro meses; unha excepción que tamén afecta ao persoal que realiza no arquipélago labores de restauración, mantemento, instalación e investigación debidamente autorizadas.

Para os concesionarios de vivendas nesta illa, a Xunta preveu desde o principio a expedición dun carné especial, persoal e intransferible, co fin de garantir o seu acceso libre con independencia de se xa se superou ese día o cupo xeral de visitantes. Ese distintivo outorgaráselles, sempre previa solicitude por parte do interesado, a todos os titulares dunha concesión na illa e aos seus familiares directos ata cuarto grao (é dicir, tataranetos e tataravós incluídos e tamén os irmáns dos concesionarios).

Desde o mes de maio, a Consellería de Medio Ambiente tramita con axilidade todas as solicitudes de carnés que recibe por parte dos titulares de Ons e dos seus familiares e a día de hoxe son xa 150 as persoas que dispoñen deste distintivo.

27 de xuño de 2019 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.